Coidar a oferta cultural

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante 28 anos a radio pública veu ofrecendo un espazo diario dedicado á cultura: cincuenta e cinco minutos na sobremesa, de luns a venres, centrados no mundo do libro, a música, as artes escénicas, as artes plásticas, o patrimonio, etc, nun esforzo constante pola información e a divulgación destes temas, consonte o mandado institucional do medio, e que dende o principio dirixiu e liderou unha das nosas primeiras xornalistas especializadas: Ana Romaní.

O labor de Ana Romaní foi recoñecido e aplaudido moitas veces, polo seu talento, coñecementos, capacidade para a comunicación, compromiso coa cultura e apertura de criterio. Na súa condición de creadora e poeta os académicos aprobamos recentemente a súa incorporación á Real Academia Galega, mais tamén na súa condición de xornalista, coñecedora da mecánica e as artes da comunicación.

A noticia da modificación de formatos do Diario Cultural da Radio Galega provocou a lóxica preocupación nos ámbitos da cultura, dada a precariedade que esta vén padecendo no sistema mediático, público e privado.

Que a radio e a televisión públicas poidan reducir recursos técnicos e humanos neste sector resultaría, no caso de producirse, dunha gravidade intolerable. Esperemos que non ocorra.

A personalidade e o traballo contrastado de Ana Romaní é, sen dúbida, unha garantía. Entendemos que un medio, calquera medio, ten dereito e mesmo obriga de revisar periodicamente modelos e formatos, estratexias de comunicación, grellas e equipamentos ao servizo das audiencias.

Non podemos dicir que a sociedade galega no seu conxunto dispoña precisamente dunha gran oferta cultural. Non hai máis que repasar o dial, as propostas audiovisuais, os quioscos, as redes... A cultura nos medios de comunicación de masas, cando consigue facerse un oco, tende a converterse ás mais das veces en espectáculo de consumo, e os programadores en xestores de rendibilidades publicitarias, cando as emisións non acaban desprazadas a horas inaccesibles, guetos minoritarios ao servizo de circuítos de intereses alleos que impoñen os seus criterios nos programas.

De aí a importancia dos medios públicos como equilibradores dun sistema que non xoga a favor de obra precisamente. A CRTVG creouse no ano 1984 como unha ferramenta estratéxica a prol da lingua e a cultura galegas. Esa é a súa razón de ser. Estabilizar e conquistar audiencias é unha obriga que xustifica o seu papel, para a cal deberiamos contar con todos os recursos dispoñibles. Tamén recursos humanos.

Non hai moitos bimbios para o cesto, sinceramente. Anuncian os responsables das emisións públicas unha nova fórmula. Sexa cal for, e aceptando a conveniencia periódica dos cambios, parece intelixente contar coa experiencia e o talento contrastado dos que durante todos estes anos foron levantando o edificio.

Agardamos acontecementos.