Punto final

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Cando fago encontros cos lectores dos meus libros pregúntanme moitas veces por que deixo eses finais abertos. Eles queren que lles peche a historia completa, non só ese treito, non só un ciclo. Queren que o punto final non teña continuación, que sinxelamente sexa a fin.

Eu explícolles que así poden continuar o libro como eles desexen, imaxinar cando menos unha das múltiples posibilidades que lles ofrece o camiño da imaxinación. Pero non sempre os convenzo.

Eu tardei en namorar deses finais. Pero non me gustan para todas as cousas da vida. Hoxe quixera escoitar: «Fin, xa se acabou». E non son capaz de tirar esa promesa do comunicado. Por riba, foi un anuncio por quendas, aos poucos. Agora isto na prensa, agora un vídeo. Agora... as armas? Eu quéroas. Quero velas. Quero que asinen a disolución. Quero quitarme da cabeza a imaxe duns encapuchados que falan desde a protección de non ser visto, de non recoñecerse.... de non dar máis ca os imprescindible.

Desde cando un perdón é fraccionado? Ten condicións? Ou o que é peor... non se pide? Fáltame iso. E a entrega de armas total. E a confesión dos crimes sen resolver. Quedoume a medias o comunicado. Moi a medias. Eu quero un punto redondo. Un punto finalísimo. Non un final aberto, como é o caso. Ese déixoo para os libros dos cativos.

Quero que recoñezan que foi unha violencia sen sentido, que foron crimes completamente prescindibles, que a inxustiza e o egoísmo atacou en exceso a quen non debían.

Son incapaz de confiar. Queda baleiro por encher.

Quedoume a medias o comunicado. Moi a medias. Eu quero un punto redondo. Un punto finalísimo. Non un final aberto, como é o caso. Ese déixoo para os libros dos cativos.