Títulos académicos

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O que está a ocorrer cos títulos, ou supostos títulos, dos cargos políticos, volve poñer de actualidade un mal moi estendido no noso país: a titulite, que a RAE define como «a valoración desmesurada dos títulos e certificados de estudos como garantía dos coñecementos de alguén». O capital humano xúlgase por estes papeis, para acceso ao traballo, promoción profesional ou económica e mesmo como valoración social ou política. De aí que se faga canto sexa posible para conseguilos e para que figuren no currículo. Cando isto non é posible, chégase a mentir ou recórrese á picaresca buscando subterfuxios con expresións como «estudos de…» ou «formación en…», malia que só se teña aprobada unha materia.

A universidade é o ámbito no que ten máis arraigo esta obsesión polos méritos escritos. As credenciais e publicacións, que avalan sobre todo o labor investigador, son a condición sine qua non para ascender no sistema e conseguir complementos económicos, ademais doutros beneficios indirectos, razón pola cal a docencia, en moitos casos, queda relegada a un segundo plano. Por outra parte, cada vez é máis frecuente o plaxio no ensino superior, tanto por parte de alumnos como de profesores. Este medio vén de publicar que un 56 % dos estudantes revela que copiou traballos e que as universidades galegas, para tentar evitalo, gastan máis de 25.000 euros anuais nun programa informático que permite detectar esta fraude. Comeza tamén a utilizarse o sistema de pagar pola realización de traballos ou publicacións, que logo se presentan como propios.

Esta grande atracción polos títulos universitarios situou ao noso país cunha das taxas máis altas da UE en poboación con estes estudos, pero das máis baixas con titulacións de secundaria postobrigatoria, en especial de FP, con moita mellor inserción laboral. Provocou, por outra parte, unha excesiva proliferación de títulos, con descenso da calidade e, como estamos a comprobar, un incremento de fraudes e de corrupción, que desprestixian á clase política e á universidade.

Por estas razóns, importantes empresas privadas están a crear os seus propios centros de formación ou universidades corporativas e, ao contrario que nas Administracións públicas, no ámbito empresarial concédeselle cada vez menos importancia aos currículos clásicos e mais ás competencias reais dos candidatos ou á súa educación non formal. Intelixencia emocional, capacidade resolutiva e de xestión, traballo en equipo, creatividade ou capacidades sociais, son exemplos do que interesa valorar en primeiro lugar. Os títulos e as certificacións de carácter cognitivo xa non teñen prioridade, porque non permiten garantir as capacidades nin os coñecementos. O aspirante a un posto de traballo que reúna as competencias referidas estará en condicións de aprender e desaprender, segundo sexa necesario para adaptarse ao permanente cambio.