De Fürstenberg


OToné é imprevisible. Encontreino no bar do Luis e díxome, literalmente: «Aquí o príncipe consorte da princesa Carolina Teresa Pancracia Galdina de Fürstenberg». O Mariló preguntou: «De onde?». «De Fürstenberg», repetiu o Toné. Non souben cómo reaccionar. Imaxinei que era unha consigna similar a un contrasinal das películas de espías. Decontado souben do meu erro. Resulta que o Toné ten dende tempo atrás unha obsesión que eu podía resolver. E non fun quen de facelo. Hai anos díxome que tiña que escribir nunha columna a súa relación con Ira de Fürstenberg. «Para que se saiba», insistiu. Nunca o fixen. Nos últimos meses a súa ansia medrou. Canso de insistirme, deu por concluída a súa intención e quedou co Mariló para perseverar no asunto. De aí que cando me ve pronuncie o nome completo da aristócrata que reinou durante décadas en Marbella a carón do seu marido, Alfonso de Hohenlohe. Tomo nota. Non repetirá o Toné a onomástica da alta dama. Sucedeu nun verán dos anos sesenta, na praia asturiana de Salinas. Alí fixo amizade coa señora De Fürstenberg. El non sabía quen era. Unha descoñecida. Atractiva, mirada felina, sutil. Paseaba co seu pequinés pola praia e parouno esa muller belísima. «Qué lindo perrito tiene usted», díxolle. O Toné, ao que lle sobra labia, amenizou a súa estancia en Salinas. «Eramos íntimos», díxome. Anos despois, na portada dunha revista, descubriu de quen se trataba. Unha icona da jet. A máis famosa daquel tempo marbellí. Eu tiña que contalo. A princesa adoraba ao can do Toné. A el non lle dixo nada ao despedirse. Só colleu en brazos ao pequinés, consternada. Deulle un bico, mil. O Toné nunca llo perdoou. El, que podía ser príncipe. (Continuará).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos
Comentarios

De Fürstenberg