Non era necesario

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

05 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non querías devolver as cremas no seu momento (caéronche do bolso, algo habitual) e ías devolver o máster...

Non era necesario verte así, Cristina. De feito, era totalmente prescindible. Non quería visualizarte nesa cámara de seguridade, nunha situación comprometida e absurda. Corenta euros en crema, pouca cousa. Pero os excrementos, cando se espallan, acaban por lixalo todo. Sabías da existencia das gravacións, que hai anos que están en mans da prensa e alguén máis.

Daquela, eras consciente de expoñerte ao perigo no que todo o país ía saber do teu erro. É por iso que non entendo que te aferrases á avaricia de manterte no poder este tempo.

Porque, sabíalo, si ou si, isto ía acabar por pasar. Con todo, admiro a túa coherencia. Mesma estratexia ca no máster. Negar a maior. E botarlle a culpa a outros.

Ti non fuches, ti non fixeches nada, ti non tiveches a culpa. Nun e noutro caso. Pero, ao final, acabas por devolver o que antes proclamabas teu por dereito: o máster e as cremas. Vaites! Que cousas! Non querías devolver as cremas no seu momento, negándoo (caéronche no bolso, algo habitual), ías devolver o máster. Si, ho, si. Iso menos! Anda que... ías perdelo se che custase horas de estudo e traballo e fose teu de verdade, gañado con infinito esforzo. Eu non o faría, vaia.

E ti, que es tan traballadora (e non o digo con ironía), tampouco. Dáme moita mágoa que te vaias así, por innecesario.

Puideches pechar a porta coma unha señora, pero a avaricia non te deixou.

E dáme tamén moita pena porque ao final sempre caio na falsa esperanza de que a política é outra cousa, outra raza.

Vai ser que non.