Acabado de chegar dunha viaxe de 10 días polos EUA escribo este artigo dende o aeroporto de Madrid, despois dun voo de 8 horas procedente de Chicago mentres agardo polo enlace que me levará á Coruña. Foi unha viaxe intensa na que tiven a oportunidade de coñecer moita xente, vivir momentos especiais, aprender moitas cousas e reflexionar sobre o meu nivel enferruxado de inglés. Fun dar tres charlas sobre a influencia da música galega nas Américas a través da emigración. A primeira delas foi na universidade de Milwaukee, na que o meu amigo e anfitrión, o mugardés Gabriel Rei Doval, exerceu de organizador e road manager. Nesa universidade dei unha charla para o seu alumnado sobre Luar Na Lubre e os países celtas, e tamén disertei sobre o meu libro Xeometrías máxicas de Galicia na aula de estudos célticos para o alumnado da doutora Bettina Arnold, que amosaron unha grande curiosidade pola cultura galega. E despois a charla principal, para un auditorio entregado e ansioso de saber sobre nós, co doutor Eims MacGuinnes como tradutor excepcional, irlandés de Colorado e tamén gaiteiro de highland pipe. Ao día seguinte fomos ao Milwaukee Celtic, un auténtico museo da música e cultura irlandesas e lugar dende onde se organiza todos os anos o Irish Fest, o máis grande festival de música celta dos EUA. Un exemplo a seguir. Milwaukee está á beira do inmenso lago Michigan, e neses días que eu estiven a temperatura non levantaba dos dous graos centígrados; de feito caeu tal nevada que case que nin se podía andar. Menos mal que o County Clare, un Irish pub/hotel onde me eu aloxaba, era confortable e cálido. Ver nevar fóra dende a caloriña e a boa música tradicional é un auténtico pracer para os sentidos. Os días seguintes fun a Lubbock e a Towson, pero xa contarei.