Galegos en Barcelona

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Barcelona, bela cidade, chea de xente e negocio. Desde hai moito foi destino de galegos a tentaren mellorar de vida. Hóuboos que alá levaron apenas vontade de traballo manual, mais tamén os houbo que achegaron o seu intelecto superior ao grande burgo marítimo. Por exemplo, o ferrolterrán Eugenio Serrano de Casanova, que xestou e impulsou a Exposición Universal de 1888.

A diáspora galega en Barcelona e arredores cóntase por centos de miles de espíritos saudosos, e atinxe todas as profesións. Nas elites científicas e económicas hai milleiros deles. A esta altura da Historia están ben colocados e integrados; son hemigrantes na idea do Xavier Queipo de Bruxelas: emigrantes a medias, que falan acotío con parentes e amigos de Galicia, escoitan a RG, ven a TVG e mesmo devecen por votar nas eleccións autonómicas do Impaís.

Dos galegos barcelonins sorprende que manteñan esparexidas, inconexas, ducias de organizacións culturais, gastronómicas ou artísticas. Quizais o localismo mande nelas, mais xa na Habana o maior centro galego do mundo fixera sitio a cada bisbarra; e en Buenos Aires creouse o Centro Galicia para aglutinar outros menores. O Centro Galego de Barcelona marca coa bandeira branca e azul un punto de confluencia na ateigada Rambla dels Caputxins. ¿Haberá vontade de sumar?