Aquel Madrid

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

17 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

meu tío Antonio tiña unha pensión en Madrid, nunha rúa céntrica da cidade moi próxima á maxestosa Praza Maior. A primeira vez que visitei esta cidade foi no ano 1988 e alí estiven hospedado. E dou o dato da pensión porque lembro aquel Madrid céntrico, como un lugar castizo, bulicioso e ata un chisco perigoso, e non podo evitar comparalo, con certa nostalxia, ao actual, menos auténtico, ateigado de turistas, aínda que quizais algo máis seguro e limpo. Eu ía acompañando e poñendo música a un espectáculo do Teatro do Atlántico de María Barcala e Xulio Lago chamado Eu, Gulliver Ferreiro, baseado na poesía do egrexio Celso Emilio Ferreiro, a quen, no seguinte ano (1989), se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. O espectáculo musical teatralizado fora representado no Ateneo madrileño, no que cheguei a coñecer ao dramaturgo valdeorrés Lauro Olmo, lugar onde exercía unha grande actividade. Fora un contacto moi emocionante e intenso co Madrid daquela época de remate dos 80 na que estaban a pasar moitas cousas, que semellaba que deparaban uns novos tempos, que así foron, pero non estou seguro de se podo dicir que mellores. Lembro as fantásticas tendas de discos nas que podías mercar toda a música que desexases, incluso de folk, que tanto escaseaba. Madrid era unha grande urbe metida como nunha especie de rampla de lanzamento ao progreso no que a cultura brillaba, unha cidade constituída por un mosaico de xentes que chegaban de diferentes lugares do Estado e onde os galegos acadaban un especial protagonismo en moitos ámbitos, pero sobre todo na hostalaría. Quen me ía dicir a min daquela que anos despois estariamos tocando tantas veces nesta cidade na que eu particularmente me sinto moi a gusto, a pesar de que xa non sexa o que era.