Eucaliptos «invasores»

Francisco Díaz-Fierros Viqueira TRIBUNA

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

08 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Incluír o Eucaliptus globulus na lista de especies exóticas invasoras, como demandaba o Concello de Teo, non é un exercicio teórico sen consecuencias pois, segundo o RD 630/2013 que no seu artigo 7 regulamenta estas cuestións, suporía «a prohibición xenérica da súa posesión, transporte, tráfico…», así como a posta en marcha das correspondentes medidas de limitación e erradicación. Case nada. Por este motivo, a medida do Ministerio de Agricultura que di si onde antes dixo non, aínda que tardía e precipitada, é clara, contundente e acertada. Non imos entrar a fondo, pola súa complexidade, na cuestión das diferentes sensibilidades que conviven nese ministerio, onde os criterios do Comité Científico que asesora ao Comité de Flora y Fauna Silvestre non semellan coincidir con outros departamentos máis preocupados polos sectores produtivos. Esta cuestión non é nada estraña porque está inscrita nunha problemática bastante máis ampla e de alcance universal, como é a do conflito existente entre produción e conservación. Desde que a ecoloxía se constituíu como ciencia houbo moi serios problemas para facer compatibles os valores das estruturas e dinámicas dos ecosistemas naturais coas actividades agrarias e silvícolas. De feito, estas últimas definíanse como «sistemas perturbados», o cal era xa toda unha declaración de principios. É un conflito aínda non resolto e que se complica máis cando se acepta que na súa solución, á par da problemática que atinxe ás ciencias naturais, deben considerarse tamén as cuestións económicas e sociais coas que están inexorablemente relacionadas.

Por iso, cando se fala de especies invasoras temos que fiar moi fino porque se definimos estas como especies exóticas introducidas que xeran problemas nos ecosistemas nativos, debemos deixar moi claro cal é a gravidade e alcance destes problemas. O primeiro deles sería o do seu impacto negativo sobre a biodiversidade autóctona, concepto que semella ser moi claro e mesmo dogmático, pero que non o é tanto se temos en conta que foi o resultado dunha longa evolución na que os intercambios de especies cos espazos da contorna foron a norma. Que foi se non a invasión de Galicia polos carballos hai uns 8.000 anos, a do castiñeiro hai 2.000 e a do millo e a pataca hai 600 anos? Pertencen ou non á nosa biodiversidade actual? Foron un problema ou unha solución?

E se os problemas do invasor eucalipto refírense aos seus danos sobre as calidades do solos, á biodiversidade ou consumos de auga, por citar só os máis discutidos, concluiría que ficou case todo dito e ben dito hai máis de vinte anos en libros e traballos que todos poden consultar, e nos que se ditaminaba que eses supostos problemas podíanse resolver cunha axeitada ordenación das plantacións. Outra cousa é que non se lean, por preguiza ou por esa sorte de miopía bibliográfica que só pensa que ten valor o publicado nos últimos anos.

Finalmente, só dúas verbas sobre o carácter incendiario do eucalipto, para as que utilizarei como única fonte o relatorio que presentou unha comisión internacional independente sobre os incendios do pasado ano en Portugal. Nel, sen negar a facilidade de propagación do lume nas plantacións desordenadas de piñeiro e eucalipto, onde realmente poñían o acento era no control do mato, podendo atoparse con casos nos que unha carballeira con mato abondo era máis pirófila que un eucaliptal limpo de mato. Por iso, señores alcaldes: que non lles quite tanto o sono a erradicación dos eucaliptos nas franxas de protección como o corte do mato nelas, algo que, lembren, terán que repetir cada 6 ou 8 anos.