A falta de tempo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que é este tempo gris que parece que non acaba de abrir, pero resulta complicado manterse motivada cando unha non atopa a enerxía física ou mental para sacar as cousas adiante.

A miña irmá Raquel, educadora, música e profesora de música en secundaria, leva algún tempo investigando sobre a motivación e a implicación dos estudantes de música en secundaria e a súa relación co rendemento académico. O tema da súa tese doutoral é tamén o tema da súa vida: pasou de motivarme a min (son a súa irmá pequena) a motivar aos seus estudantes, e agora á súa filla, coa música como leitmotiv para nutrir outros moitos valores pedagóxicos nos que se sustenta a sociedade.

A relación da implicación musical co rendemento académico que investiga a miña irmá é a que me leva a celebrar o logro dun dos nosos investigadores na diáspora: o neurólogo galego de Harvard doutor Miguel Alonso-Alonso, que vén de publicar esta semana un artigo na prestixiosa revista Nature sobre os efectos neurocognitivos do umami (o quinto sabor). Miguel é tamén un pianista incrible que, coma miña irmá, escolleu un camiño diferente pero non deixou a música como ferramenta de vida. E cantos máis coma eles, pois Harvard ten unha orquestra sinfónica formada unicamente polos médicos en activo da súa Escola de Medicina. Como atopan o tempo para facelo todo?