En barcas de pedra

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

xesús búa

03 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil de crer, non sendo unha cuestión de fe, que houbo santos que chegaron ás nosas costas en barcas de pedra, porén a tradición fala de ata cinco santos que arribaron a Galicia en embarcacións deste tipo, navegando contra as durezas oceánicas e deixando testemuñas pétreas coa forma desas pequenas naves. A Virxe da Barca de Muxía é unha delas, cunha lenda arraigada, de culto fervoroso e moi vencellada á peregrinación xacobea. Daquela barca na que chegou a virxe consérvanse hoxe tres pedras de culto: a de abalar, a dos cadrís e a do temón. Outro foi Santo André de Teixido, que tamén di a tradición que chegou nunha nave deste tipo, que non está localizada con precisión pero que, segundo algúns autores, pode ser un dos illotes que están fronte a punta Gaveira, moi preto de Teixido, ou quen sabe, quizais outro que está no mar por baixo da fonte dos tres canos. Santa Comba tamén chegou a Galicia sorteando as ondas nunha embarcación pétrea, sen remos nin velas; a súa ermida está a carón da praia onde desembarcou e que leva o seu nome, en Covas (Ferrol). San Mauro chegou noutra, e fuxindo dos mouros remontou o río Barbanza ata chegar á parroquia de Posmarcos, na Pobra do Caramiñal, onde fundou o eremitorio da Misarela, máis tarde mosteiro de San Xoán, e entre as ruínas deste lugar aínda se pode ver a pedra na que se di que chegou. Por último, o Apóstolo Santiago arribou a Galicia traído polos seus discípulos despois de ser martirizado en Xerusalén, para descansar definitivamente no lugar da súa predicación en vida. Pero estas lendas non son exclusivamente galegas; en barcas de pedra teñen chegado santos ás costas de Irlanda, de Bretaña ou Cornualles con lendas e historias moi semellantes ás nosas. Patrimonio atlántico? Claro que si.