As catro propostas de Ramón Tamames

OPINIÓN

02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No xornal La Vanguardia , do 30 de marzo, Ramón Tamames formula catro propostas «para situar el problema catalán en otra tesitura y superar la fase actual en que estamos empantanados» : levar o Senado a Barcelona, pensa Tamames, é promover unha certa bicapitalidade parlamentaria vista a importancia de Barcelona; radicar nesta cidade un ministerio de cuestións territoriais, xa que o Estado das Autonomías, aínda que con eivas, contén «lo esencial de un federalismo sui generis»; un Consello de España para Europa porque os asuntos que hoxe tratan, tanto as Cortes como os parlamentos autonómicos, acostuman ter incidencia europea; e, finalmente, radicar en Barcelona a sede do Instituto Cervantes.

Catro propostas de moi escaso ou nulo contido. Se procedesen dun tertuliano calquera, ignorante do que é Cataluña, do que significa a súa cultura e das solucións que existen para o caso, inventadas hai xa moito tempo, non nos chamarían a atención.

Pero vindo de quen veñen si que nos deixa desconcertados, porque significa que o señor Tamames ten moi escaso coñecemento do problema catalán.

E a solución chámase federalismo -nin sequera aludido como solución-, que significa unir e tamén pacto entre iguais, lonxe de tutelas que ninguén está lexitimado para exercer e que, ao cabo, son a raíz de non entender nada do que a Cataluña se refire.

O esencial dese «federalismo sui generis» é o que hai, pero que se revelou caduco e dépassé.

Con semellantes criterios é claro que seguiremos empantanados. Ou algo peor, como son os negros agoiros de violencia que se debuxan, e oxalá que só dun mal pesadelo se trate.

Pero o camiño que levamos é certamente preocupante. Señor Tamames, vostede, como moitos, vive fóra da realidade. Isto é o grave.