Insospeitada intermediación

OPINIÓN

26 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Algunhas modas, ás veces, dan lugar a outras e, xuntas e ensarilladas, poden parar nun cultivo, ou nun produto, nunca sospeitado. Por exemplo, teño un amigo que se sente moi satisfeito, eu case diría que realizado, polo moito que a súa vida ten cambiado dende que ten can, que pasea cada día máis dunha vez e que persoalmente atende as súas esixencias hixiénicas.

¿E sabedes por que está tan ledo, tan satisfeito e tan exultante? Porque o can asegúralle case un ligue diario. Ilústrame sobre o tema: conversas ao día con varias propietarias de cans e, aínda que as conversas son sobre o mesmo: costumes, maneiras, intelixencia e demais virtudes caninas, rematas con frecuencia nunha cita para ir ao cine, para tomar unhas copas ou para ir a unha exposición canina. Pero o ligue está asegurado, dime cheo de razón.

O meu amigo está solteiro -mellor sería dicir que xa solteirón-, sorpréndelle a xenreira que eu lle teño aos cans (é que me trabou un de pequeno, desculpo)e ve con naturalidade que unha rapada do can lle custe 30 euros, cando el paga a metade polo seu rapado. Todo sexa pola facilidade para o ligue.

Algunhas veces, cando logro velo de lonxe, procuro que non me vexa, observo cunha curiosidade inmensa se o do ligue é verdade e o certo é que a cousa non é para tanto. Será que o meu amigo confunde a realidade co desexo ou que dá xa por feitas cousas polas que devece e xa as festexa antes de que ocorran.

Alármome cando me din que o meu amigo está en urxencias, que un can case lle leva unha man e que pode que se quede sen ela. Vou velo e dígolle: «Pero non ves que os cans son animais?» «Quita para alá, home, dime: o animal son eu, que non souben ver que o can tiña ciumes de min e protexeu á súa dona atacándome».