Por favor. Non quero saber máis detalles escabrosos da morte do pequeno Gabriel. Non quero saber máis do que fixo, dixo, pensaba... É un monstro. Esa muller non merece máis ca ser chamada asasina. Unha malvada desapiadada que non merece nada bo. Non sei que tipo de mente retorcida ten. Debe ser digna de psicanalizar. Así que... toda para os facultativos que lle corresponda. Eu prefiro non saber máis detalles da súa maldade. Teño abondo. Non se pode ser máis perversa.
Pero... pensen neses pais. Agora que pasou a marea de solidariedade co seu pescaíto terán que enfrontarse á soidade de cada día, á evidencia de que falta o sorriso do pequeno, a obrigarse a camiñar aínda que non teñan alento nin consolo. Agora a ausencia é unha daga que se crava, implacable, no medio do corazón. É imposible sobrepoñerse ao dano. Totalmente imposible.
Non lle fagamos a costa máis arriba. Teñen abondo. Non é xusto que a súa historia apareza nos medios sen o seu consentimento. Non deberiamos indagar no máis delicado. Se hai cuestións que feren a miña sensibilidade... non quero nin imaxinar a sensación de dor insoportable que chegará a producir nos pais a maldade de Ana Julia. Ela, que compartía a vida co pai do pequeno a quen lle segou a vida. Ela, que nin sequera despois de asasinalo puido refrear a carraxe. Ela. Non é unha enferma mental. É o demoño personificado.
Non quero máis detalles. Quen sabe! Nunha perturbada coma ela pode ser ata notoriedade buscada. Quero que os pais decidan qué contar.