Catro ás

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

«Os primeiros insectos voaron con catro ás, como os primeiros réptiles voadores, como os primeiros paxaros voadores, como os primeiros peixes voadores, ou como os primeiros avións. Con todo, a primeira solución que acaba consagrándose en todos os casos conta só con dúas ás: a evolución funciona a golpe de erro, de acordo, pero ¿por que sempre o mesmo erro?». Ao igual que os insectos, réptiles, paxaros, peixes e avións dun dos aforismos dese xenial divulgador científico que nos deixou hai un par de semanas, Jorge Wagensberg, autor de excelentes «comprimidos de coñecemento para disolver, beber, pensar e conversar», as democracias parlamentarias só funcionan axeitadamente con dúas ás: un goberno e unha oposición.

Así o lembra a Comisión de Venecia, que constata en varios dos seus informes (por exemplo, no CDL-AD (2010/025, aprobado en outubro do 2010 no pleno da súa asemblea) que a existencia dunha oposición parlamentaria é chave para determinar a madureza democrática de calquera sistema político.

A Comisión de Venecia, ese órgano consultivo do Consello de Europa creado tras a caída do muro de Berlín para axudar ao desenvolvemento constitucional da Europa do Leste, que co tempo, e como adoita lembrar a oposición parlamentaria en Galicia, se ten convertido no referente ético das boas prácticas democráticas en Europa, insiste en que para que a democracia funcione axeitadamente ten que existir unha oposición parlamentaria que oferte alternativas políticas, participe coa súa opinión nos procesos de adopción de decisións públicas e fiscalice a acción do goberno que a maioría apoia. Para exercitar esas funcións a Comisión de Venecia esixe que a oposición conte con múltiples medios, instrumentos e garantías, que van desde os máis específicos, como a inmunidade polas declaracións feitas no exercicio da función parlamentaria, o dereito a unha retribución ou o dereito a presentar iniciativas nas cámaras lexislativas (entre outros moitos «privilexios»); ata outras garantías constitucionais máis xenéricas, como a liberdade para a creación de partidos políticos.

Dereitos que carrexan, como todo dereito, as súas contrapartidas, con independencia de que a maioría sexa dun só partido ou dunha coalición, que o sistema sexa parlamentario ou presidencialista, ou mesmo de que o goberno conte cunha ampla maioría ou estea en situación de minoría fronte ao conxunto da oposición. Contrapartidas que a Comisión resume como «a responsabilidade de todos os partidos representados de contribuír construtiva e lealmente ao proceso político» e «non percibir o seu papel como o dun mecanismo de mera obstrución, debendo contribuír á adopción de decisións públicas». Nada novo, por outra parte, desde que en 1800 se acuñase o termo de «leal oposición», cando o Partido Federalista de Hamilton apoiara a elección de Thomas Jefferson, líder do rival Partido Demócrata Republicano, como terceiro presidente dos Estados Unidos, como mal menor e para salvar á nova República desfacendo o empate que se producía na Convención entre Jefferson e Aaron Burr, algo que o que bloqueaba o funcionamento do Goberno.

Sempre tan creativos e máis de douscentos anos despois, podemos observar a diario que en España seguimos innovando, intentando voar con catro ás e algún que outro alerón engadido no Congreso; ou obstruíndo, tamén na rúa, tanto onde a oposición é minoritaria como cando, como en Galicia, é suficiente. Xa sabemos que «a evolución funciona a golpe de erro. De acordo. Pero ¿por que sempre o mesmo erro?».

A Comisión de Venecia lembra en varios informes que a existencia dunha oposición parlamentaria é chave para determinar a madureza democrática de calquera sistema democrático