A folga de mulleres de hoxe é unha novidade histórica. Desas que marcan un antes e un despois. O mañá desa mudanza levaba tempo no aire, dende hai cen anos, cando as sufraxistas lograron o dereito ao voto, e dende hai cincuenta, cando as netas daquelas se fixeron donas dos seus corpos de Berkeley a Berlín. Hoxe son as netas das netas quen reclaman a igualdade como mulleres traballadoras. Que pasou? Por que agora? En parte todo vén de América e Trump é un dos acelerantes responsables desta reacción das mulleres. Nin fai falla explicar por que. Como non ten que ver cos mercados financeiros, nin coa seguridade social, nin coa política exterior, dá a sensación de que aconteceu de súpeto. Aínda non hai bos analistas do doméstico e non se practica moito a socioloxía do cotián. De contado esa reacción feminista está aquí. Tamén vén de América Latina e o precedente da primeira folga de mulleres coñecida foi Islandia en 1975: as nacións pequenas sempre pioneiras. Vemos os efectos na terra de Rosalía. A novidade que anuncia esta folga está aí para quen queira vela. Está no cine: os filmes máis premiados deste ano son protagonizados por mulleres. Por mulleres traballadoras: limpadoras, obreiras, caixeiras. Tamén se observa ese vento novo no mundo académico e nos máis recentes traballos das novas fornadas. O último premio Artola á mellor tese de doutoramento en Historia Contemporánea leva por título Sirvienta, empleada, trabajadora de hogar. Género, clase e identidad a través del servicio doméstico en el Gran Bilbao (1939-1985). Toda unha declaración de por onde van os tiros de Eider de Dios Fernández, que foi a súa autora. Miren Llona, que foi a directora, leva anos traballando na historia oral das mulleres para recuperar ás máis ignoradas da historia recente. Non raíñas, escritoras ou científicas, senón mulleres comúns, máis desaparecidas, aínda que as outras algo visibles nalgúns traballos, pouco noutros e ren no doméstico. O asunto vén de lonxe porque é cousa das tataranetas das sufraxistas, que son as fillas desta crise. A crise foi o outro acelerante desta mobilización porque recuperou a realidade e o nome do día 8 de marzo -da muller traballadora-, despois de décadas nas que se lle quitara o apelido co que nacera, tamén en América. Pode que fose unha confusión vinculada a un benestar aparentemente xeneralizado, que marchou co vento da crise e deixou espidas ás mulleres dende unha posición que se revelou máis débil do agardado. O estado do benestar cuarteado e o empeño do capitalismo máis depredador por xerar novos mercados, alí onde había solidariedades e coidados, fixo o resto. As mulleres incorporáronse masivamente aos traballos remunerados -fóra do servizo doméstico- no último século, e hoxe rebélanse contra a desigualdade laboral dunha forma cada vez máis poderosa. Pero ademais reivindican a actividade e o traballo doméstico que fixeron e fan e, aínda por riba, descobren e incorporan agora os coidados. Todo aquilo que só elas fan. Quen non entenda qué son os coidados xa ten para pensar despois de hoxe.