Mulleres

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

05 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous ou tres anos un grupo de alumnas de Comunicación en Santiago pedíronme media hora da clase para concentrárense na porta da facultade protestando por unha das múltiples accións de violencia de xénero que desgraciadamente son noticia case todos os días (e algo máis grave: que de tan repetidas poidan deixar de selo). Xuntámonos na porta da facultade e chamoume a atención que na improvisada asemblea non houbese home ningún. Algúns compañeiros da mesma clase presenciaban a concentración sentados nas escaleiras, pero sen incorporarse ao grupo. Eu preguntei que pasaba. E con absoluta inocencia (ou ignorancia) algún contestou: «é que iso vai con elas…». Recoñezo que me deron pé para unha clase de principios éticos e morais, mesmo democráticos, porque nas aulas tamén hai que falar destas cousas. ¿Cómo que iso vai con elas? ¿Quen dixo tal? ¿Dende cando?

A xornada que se promove para o próximo xoves, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ten moito que ver con isto. A chamada «violencia de xénero» non é máis ca unha expresión entre outras, primeiro: da situación de sometemento que padece a muller nas sociedades contemporáneas (tamén nas sociedades máis desenvolvidas), e segundo: da incapacidade do varón para asumir plenamente un principio ético, filosófico, moral e democrático de igualdade; principio que nestas sociedades desenvolvidas non se discute, pero que na práctica non se concreta e, as mais das veces, se disimula. O problema non é da muller. O problema é dos seres humanos, homes, mulleres ou calquera outra definición de xénero, isto que denominamos «persoas», por riba de diferencias.

Son moitos séculos, milenios de patriarcado. Mudar as mentalidades e os comportamentos é un proceso moi lento, que esixe constancia, coherencia e determinación, e que leva moito tempo. Mais de ningunha maneira iso pode ser xustificación de nada. A gran revolución da humanidade está a producirse precisamente neste ámbito, aparentemente doméstico, case que íntimo, pero que atinxe aos principios básicos, os alicerces da sociedade que queremos para o futuro. As nosas aulas universitarias están cheas de rapazas. O futuro é delas. Mais tamén dos homes que as acompañen nesa nova construción social, que ten que ver coa liberdade e cos principios básicos do ser humano. A interpelación que nos propón (a todos) a xornada do día 8 está profundamente relacionada coa dignidade e o recoñecemento non só laboral, senón institucional, doméstico, familiar, cultural, político, intelectual das mulleres no mundo que queremos para os nosos fillos e fillas, cunha pregunta básica: que pasaría nese mundo se elas (as mulleres) deixasen de actuar, e unha resposta que os homes temos que asumir: que se esixe de todos nós (os varóns) para unha sociedade xusta e igualitaria. Atención: empezando pola prosa miúda de cada casa.