A miña arma

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das cousas polas que me tería encantado ser docente é polo respecto e amor que lle teño á palabra. É incrible o poder que ten, a capacidade de dicir, contar, transmitir, ensinar... 

Que sería de humanidade sen a palabra! E sen a xente de palabra, claro está.

Pois ben, esa sería a miña arma: a palabra. Intentaría darlle a importancia que ten, que é moita, e devolverlle tan só un chisquiño de todo o que ela me deu a min. Non son docente, son contadora, pero nos dous casos a única arma que quero usar é a palabra. Por iso me parece unha aberración e un insulto a última das excentricidades do presidente dos EEUU.

Despois de sufrir varios ataques con armas de xeito indiscriminado, levando por diante moitas vidas inocentes, ocorréuselle unha solución. Dar máis armas para combater as existentes. Non hai mellor solución ca proveer aos docentes de pistolas, fusís ou escopetas. Así, se un tolo entra nun centro de ensino, o profesor tería permiso (e obriga) de desenfundar o armamento e... apuntar? Disparar? Matar?

Imaxínome de docente nun dos estados americanos. Se alguén interrompe a clase... quen me obriga a atacar? O Presidente?

Con que autoridade ou en calidade de que me obrigaría a apertar o gatillo?

E se chegase a dar nun branco... como calmaría a miña conciencia? Quédame o resto da vida para resarcirme desa ferida... sería el quen estaría ao meu carón?

As miñas armas sempre foron e serán a palabra e o sorriso. Creo e confío nelas. E non serei eu quen deixe que se cambien por proxectís.