Beixamáns

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A verdade é que é un costume ben absurdo: colocas unha persoa nun sitio e outras vanlle pasando por diante para saudala, e ese saúdo consiste en facer reverencias ou achegar os labios ás súas mans. Tamén hai outra modalidade, que é colocar unha morea de persoas que agardan nunha ringleira, e outra vai pasando por diante delas mentres lle fan as consabidas reverencias. Hai quen di que é unha forma de respecto á autoridade. Tamén hai quen o considera a rémora dun pasado de vasalaxes. Quizais ambas as dúas cousas sexan certas. Pero a min o beixamáns paréceme unha cursilada pasada de moda, bastante machista, por certo. E atrévome a profetizar que, desde agora, será cuestionado moitas veces. Diso, a verdade, alédome bastante. Mais o xesto de Ada Colau de non acudir ao beixamáns con El-Rei Filipe VI na inauguración do Mobile World Congress significa moito máis cá súa inicial protesta contra a actitude do soberano tralas cargas policiais do 1 de outubro. Cando Colau di que non «rende preitesía» a quen lle contestou que está para «velar pola Constitución», en realidade está a confrontar dúas maneiras de entender as institucións: ela séntese coa lexitimidade que lle dá ter sido elixida democraticamente para confrontarse a quen se atribúe unha responsabilidade que non está lexitimada por voto ningún. A mensaxe de Colau é que en democracia non caben institucións non referendadas polas urnas. Ou dito doutro xeito: é a Coroa quen debera bicar a man das persoas que foron elixidas polo pobo, pois este deixou de ser súbdito ao aprender o poder do voto. Por iso a esta España democrática comeza a parecerlle unha absurdeza extemporánea esa horterada do beixamáns nun congreso ultratecnolóxico.

A min a tradición do beixamáns paréceme unha «cursilada» pasada de moda, bastante machista, por certo.