O reto común demográfico

José Manuel Rey Varela CONSELLEIRO DE POLÍTICA SOCIAL

OPINIÓN

26 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta leva tempo abordando o contexto demográfico co obxectivo de reverter a actual situación, tendo en conta dous ámbitos de actuación que son complementarios: a revitalización da poboación mediante o apoio á natalidade e a atención aos nosos maiores. A baixa taxa de fecundidade xunto co feito de que practicamente un de cada catro galegos ten 65 ou máis anos, indícanos que cómpre afrontar o reto demográfico de maneira transversal, pero tamén como unha oportunidade de emprego e desenvolvemento económico. Non se trata soamente de vivir máis anos, senón tamén de vivilos mellor e que as novas xeracións gocen dunha contorna social favorable para o seu desenvolvemento e de que os maiores teñan cada vez unha vida máis plena, autónoma e activa.

Por tanto, temos traballo por diante. Hoxe as familias galegas teñen máis apoios que nunca e temos como meta que este sexa o mellor lugar para ser pai ou nai, para conciliar e, sobre todo, para ser neno. Porque contribuíndo ao benestar das familias estamos tamén poñendo as bases para afrontar a recuperación demográfica, un dos maiores retos que ten este país por diante e que non é exclusivo de Galicia.

A nosa comunidade acumula 30 anos de saldos vexetativos negativos. Non serven medidas a curto prazo. A cuestión demográfica non se resolverá de maneira inmediata, senón que é necesario abordala tendo en conta os cambios sociais, económicos e culturais do tempo que nos está tocando vivir para que, nas vindeiras décadas, se reverta esta tendencia negativa na comunidade.