«Grial», cunca ilustre

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A revista de cultura Grial, da editorial Galaxia (Vigo), acaba de comparecer ante os lectores co número 216, proeza de continuidade nunha actividade destas características, case insólita entre nós. Naceu en 1963 (coa apertura de Fraga Iribarne) e, desde esa data, chega cada trimestre ás nosas mans. Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, directores da revista desde o ano 2002, teñen deseñado números de tal riqueza que xa son unha honra na historia da hemerografía intelectual galega. Non hai número do que estean ausentes voces foráneas interesadas no noso feito cultural ou enriquecedoras para Galicia por trataren temas importantes elaborados noutras latitudes.

A lingua galega -e non podía ser doutro xeito- ten unha notable presenza en moitos números, tamén no 216, onde tres artigos protagonizan a sección que o seu coordinador, Henrique Monteagudo, titula, moi axeitadamente, O idioma na escaleira. Asina o primeiro un romanista alemán, da universidade de Leipzig (na Alemaña máis oriental), quen, coas ferramentas ideolóxicas de Antonio Gramsci, diserta sobre Hexemonía lingüística e os donos da linguaxe. Os outros dous artigos son textos, polo título e polos autores, aos que non é posible subtraerse: Os datos secretos do galego e os límites das políticas lingüísticas (de Mauro Fernández) e O retroceso da transmisión lingüística en Galicia (de Xaquín Loredo). Neste número dáse noticia por primeira vez da biografía intelectual de Alfredo de la Iglesia (1861-1933), quen, catedrático de Literatura no Instituto de Pontevedra, explicou en 1920 o primeiro curso de Literatura galega e escribiu o primeiro manual desta materia ad usum scholarum (inédito, por pouco tempo).

Hai outras achegas de especial interese, unha delas, de Jordi Amat, sobre o procés, o que proba que Grial non está allea a canto acontecer mereza unha lectura desde Galicia. Sobre Cómaros verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño, ofrécenos Xosé Manuel Dasilva datos que ninguén sospeitaba: o libro tivo problemas coa censura, a censura -polo que se ve- omnipresente. Tamén Grial, na súa prehistoria, fora vítima da censura. Sabido é que Galaxia estreouse no ano 1951 coa serie de volumes titulada Colección Grial, serie que, ao chegar ao número 3 (dedicado a Curros Enríquez e a Pardo Bazán), a fins dese mesmo ano, foi suspendida polos inquisidores literarios daquel tempo misérrimo. Doce anos despois, Fraga Iribarne reinante, Grial reapareceu como revista, esencial, desde aquela, no acontecer cultural de Galicia.

O nome, grial, foi, na literatura gala medieval, o do vaso eucarístico, presente en tantas páxinas; hoxe, na cultura galega, é o nome dunha cunca, tan ilustre, que acolle algunhas das súas mellores páxinas.