Unha sociedade sen problemas lingüísticos

Román Rodríguez LÍNEA ABIERTA

OPINIÓN

MONICA IRAGO

21 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1999, nunha decisión memorable da súa Asemblea Xeral, a UNESCO decidiu instituír o 21 de febreiro como Día Internacional da Lingua Materna. Desde o 2000 ínstanos cada ano a reflexionar sobre un feito que, de tan evidente que é, adoita pasar, a miúdo, desapercibido para a maioría de nós. A día de hoxe, arredor de 7.000 linguas son aínda vehículo vivo e operativo de comunicación entre as persoas, e mais a expresión do xenio creador dos individuos e das comunidades que as falan. De feito, entre os 193 estados membro das Nacións Unidas cóntanse practicamente cos dedos das mans aqueles en cuxos territorios non conviven varias linguas. O multilingüismo social resulta, así, contundentemente maioritario. Bo reflexo disto témolo en Galicia, onde o grao de identificación das dúas linguas cooficiais como linguas maternas é o máis elevado do Estado, o que nos converte nun exemplo de convivencia pacífica e cordial, en termos de diversidade e riqueza. É por iso que o día de hoxe é unha celebración que nos evoca cada ano a condición fecunda da creatividade humana, a cal atopa unha das súas realizacións máis admirables e fermosas na diversidade lingüística.

Na edición de 2018, a Unesco bota man dun lema que se inspira na economía sustentable e no ecoloxismo. Este vénnos dicir que a diversidade e o multilingüismo son, nunha clara alusión á Axenda 2030 da ONU, realidades que deben ser tidas en conta no proceso de consecución dun desenvolvemento sostible, poñéndoas á altura de asuntos tan relevantes como a saúde, o emprego, a produción sustentable ou o consumo responsable. De aí que se faga, nesta ocasión, un chamamento que persegue envolver a sociedade no seu conxunto. Envolve ás familias porque a elas lles corresponde o deber de garantir a transmisión aos seus descendentes da lingua familiar. Tamén ás empresas, que deben asumir a cuestión lingüística como parte dunha actividade económica socialmente responsable. E, por suposto, ás institucións públicas, que levamos a cabo políticas para afianzar sistemas educativos que sirvan de axentes favorecedores da permanencia e potenciación do patrimonio lingüístico herdado.

A declaración da Unesco concírnelle igualmente a Galicia na súa condición de comunidade bilingüe que aspira a consolidar o galego -a nosa lingua propia- como ferramenta de comunicación útil para o século XXI. Celebrarémolo cos máis pequenos ao pé do Pergamiño Vindel, unha das máis antigas mostras do esplendor da nosa cultura. Cun compromiso: dar os pasos necesarios que permitan corrixir o longo período de desprotección e ocultación da que noutros momentos históricos foi obxecto. Esta é unha tarefa que nos compete a todas e a todos sen excepción. É unha tarefa ineludible para a Xunta de Galicia, comprometida coa transmisión xeracional, co respecto lingüístico e coa idea de que sempre debemos traballar polo que nos une e non polo que nos separa.