Feiras e literaturas

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

19 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre quen nos dedicamos á literatura, pasou con máis pena ca gloria o anuncio da Consellería de Cultura de deixar de acudir ás feiras literarias internacionais nas que adoitaba haber un stand institucional, quizais porque ese esforzo da Xunta nunca logrou repercutir comercialmente na nosa obra. Contentámonos con estar, sen un plan de promoción da literatura galega no Exterior que optimizase o investimento, e cunha presenza visual que é do máis inútil que existe para a venda de traducións nunha feira, pero nunca cuestionamos o modelo. Non en público, non vaia ser. A que se debe? Adoitamos ver as políticas de difusión da literatura galega coma un favor que a Xunta nos fai. Cremos que nos axudan eles a nós con cada foto que fan connosco, e que os nosos libros dependen das súas exiguas axudas e non das nosas vendas; aceptamos coa nosa displicencia que non hai cartos para a nosa cultura mentres que si os hai para cousas dubidosamente galegas, e acabamos crendo que toca asumir que os tecnócratas descomprometidos son o noso destino tráxico. Pero esa falta de compromiso teceuse durante anos ou no noso laio estrutural ou no silencio cómplice, nalgúns casos comenenciudo, ata esquecer que a Administración nos precisa para ter algo que administrar. E nós, a estas alturas, xa non a precisamos para case nada, porque hai moito que só comparece para fastos que carecen de relevancia no mercado. E así nos vai. Porque mentres cremos que non somos nada sen quen nos goberna, imos asimilando o ataque á liberdade de expresión e esquecemos de vez que eles nos necesitan máis a nós e ao noso público ca nós a eles. Pero sigamos pretendendo vivir da esmola, coma se a esmola non saíse do noso peto!

A Administración nos precisa para ter algo que administrar. E nós, a estas alturas, xa non a precisamos para case nada