O Nautilus en Vigo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

16 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasadomañá, 18 de febreiro, fará 150 anos que chegou á ría de Vigo o Nautilus, o submarino eléctrico que protagoniza a extraordinaria novela de Jules Verne Vingt mille lieues sous les mers (Vinte mil leguas baixo os mares). Na nosa ría, o capitán e construtor da nave interesouse polos lingotes de ouro dos galeóns afundidos en Rande en 1702. Coñecía ben este episodio naval o capitán do Nautilus, tan enigmático que a novela nunca revela o seu nome de pía. De feito, aparece sempre cun nome latino, Nemo, ou sexa, ‘Ninguén’. Do capitán Nemo sábese tan pouco que hai que chegar ao final do capítulo III da segunda parte para batermos con esta desacougante revelación: «Ese indio, profesor, é un habitante do país dos oprimidos, e eu son aínda, e sereino ata que morra, dese país». Ignoro se os políticos británicos, donos da inmensa India, tiveron a sospeita de que o seu imperio xa estaba ameazado.

 

Nemo é o enigmático capitán, sempre coa teima de fuxir da sociedade «civilizada», pero que sente extraordinaria admiración polos homes que loitaron por ideas emancipadoras (O’Connell, Lincoln, John Brown…). Deles fálase, precisamente, no capítulo VIII da segunda parte da novela, o capítulo vigués. Así pois, Nemo é un tema, sobre todo para os vigueses, moi axeitado para abordar cuestións que van máis alá da literatura fantástico-científica de viaxes. É o propio capitán Nemo quen, no noso capítulo vigués, diserta sobre «os seres que sofren, sobre as razas asoballadas, infelices que cómpre aliviar». Para toda esta xente serán os tesouros asolagados que pensa recoller o sabio capitán. O humanista Jules Verne nunca sospeitou -el, tan anticipador- que os estadounidenses denominarían Nautilus, en 1954, o primeiro submarino nuclear, xusto nove anos despois da demostración antihumanista da bomba atómica de Hiroshima.

O próximo 18 de febreiro Vigo debería celebrar con actividades culturais moi diversas o sesquicentenario da chegada do Nautilus á ría de Martín Codax, «ás ondas do mar de Vigo». Sabido é que, desde hai anos, Vigo non é allea a Nemo e ao Nautilus: de 2005 data unha estatua de Jules Verne, obra do escultor José Molares; por esas datas nacía a asociación Vernianos de Vigo, que conta co inxente labor de Eduardo Rolland e co entusiasmo de Carlos Núñez Rodríguez; unha editorial viguesa, Ir Indo, publicou en 2002 a tradución galega da novela… Hoxe por hoxe, o centro cultural vigués onde máis se traballa sobre Vinte mil leguas baixo os mares é o Instituto Castelao. Desde comezo de curso, un colectivo moi numeroso de alumnos e profesores de distintas materias, coordinado pola profesora de Literatura española Sara Alonso Pimentel, segue día a día o periplo do Nautilus, que o próximo domingo fará 150 anos que sucou a ría de Vigo.