Nin Montoro nin Feijoo

Manuel Lago
Manuel Lago LÍNEA ABIERTA

OPINIÓN

15 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As afirmacións do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no Congreso dos Deputados anunciando unha posible quita da débeda das comunidades autónomas poñen máis en evidencia, se cabe, o gravísimo erro da estratexia orzamentaria da Xunta de Galicia. Porque en Galicia recortouse o gasto máis ca en ningunha outra comunidade, e agora Montoro dinos que esa dor inflixida á sociedade galega, ademais de inxusta, pode non servir para nada.

Máis ben ao revés. Galicia pode pagar dúas veces os erros de xestión da Xunta: sufrimos máis recortes ca ningunha e agora Montoro pode premiar a outras comunidades autónomas e castigarnos a nós.

É certo que a dureza dos recortes explican que Galicia sexa a terceira comunidade con menos débeda comparada co PIB, pero aínda así, baixo o goberno de Feijoo, a débeda pública galega pasou de 3.800 millóns de euros no 2008 a 11.200 millóns no 2017, un aumento de 7.400 millóns de euros en nove anos, o dobre que nos 27 anteriores cos outro catro presidentes da Xunta.

Feijoo fixo unha xestión desastrosa porque nos endebedou moito e nos endebedou mal: en vez de acudir aos mecanismos de financiamento que o Estado puxo ao dispor das comunidades a partir do 2012 preferiu endebedarnos cos bancos.

É a campaña de imaxe máis cara da historia: Galicia pagará centos de millóns de euros en xuros por esta decisión. Este custo xa non o imos recuperar, pero aínda estamos a tempo de evitar a dobre estafa que anuncia Montoro: realizar unha quita da débeda só ás comunidades cualificadas como infrafinanciadas, entre as que o ministro non inclúe a Galicia. Sería o colmo da estafa: aquí sufrimos os maiores recortes e agora estamos ante o risco de ser excluídos da quita da débeda.

Galicia -como o resto do Estado- endebedouse de forma extraordinaria por culpa da recesión, pero tamén pola ineficacia do sistema tributario, polas rebaixas fiscais en favor dos que máis teñen e por manter un modelo de financiamento autonómico que se demostrou incapaz de reaccionar ante a crise.

O resultado final é que temos unha débeda pública impagable -como a do resto das comunidades autónomas e do Goberno central- que crece ano tras ano, e a Xunta só é quen de ir refinanciándoa, aprazando un problema cada vez máis grande.

Por iso é imprescindible facer unha reestruturación da débeda que debe ter dúas liñas estratéxicas. A primeira é unha quita igual para o conxunto das comunidades utilizando criterios e variables obxectivas.

A segunda é establecer prazos de amortización suficientemente longos e tipos de xuro moi baixos, para reducir ao mínimo o impacto do servizo da débeda sobre o orzamento, de forma que os recursos públicos poidan destinarse a gasto social e inverstimentos e non a pagar aos bancos.

O presidente Feijoo equivócase cando se nega a unha quita da débeda que en realidade é imprescindible e case inevitable, pero Montoro equivócase aínda máis cando propón unha quita en beneficio dalgunhas comunidades castigando a outras, Galicia entre elas. A proposta que de verdade beneficiaría ao noso pais é unha reestruturación da débeda, con quita incluída, que debe ser equitativa, igual, sen discriminacións nin privilexios.