Maeloc

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

13 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As presións dos anglos, dos saxóns e outros pobos eran irresistibles por hostís, agresivas e persistentes, e parte dos poboadores da Britania insular, os bretóns, decidiron mover os asentamentos nos que levaban séculos para buscar outras terras nas que este tipo de fustrigadas fosen menores e onde poder vivir en relativa tranquilidade. E, así, no século VI comezou a grande migración cara ao sur. A maioría deles puxeron a súa mirada no mar e embarcaron para outras terras coas que quizais xa tiñan relacións. A máis numerosa das migracións alcanzou as costas da antiga Armórica (‘país fronte ao mar’), onde se asentaron e constituíron a Bretaña actual.

Dende a súa chegada comeza unha andaina cargada de grandes feitos históricos que van ata hoxe en día. A outra gran partida de bretóns, aínda que non tan numerosa coma a anterior, veu ás costas setentrionais de Galicia. Comandados polo bispo Maeloc, crearon un vasto asentamento que abarcaba dende as estremas do golfo Ártabro ata o río Navia en Asturias, chegando a formar un bispado/provincia, o de Britonia, con sede entre Meira e Mondoñedo, no lugar que moitos identifican co que pode ser a actual Santa María de Bretoña (A Pastoriza-Lugo).

Hai moitas historias arredor de Maeloc, pero a única referencia escrita que queda é a da súa sinatura nas actas do concilio de Braga do ano 572 d.C., no que estiveron todos os bispos do reino suevo da Gallaecia.

Directamente relacionada está a catedral de San Martiño de Mondoñedo, quizais a máis bretoa de todas as catedrais de Galicia, pode que erixida sobre o antigo mosteiro de Máximo, tan nomeado nos textos antigos, onde dicían que se localizaba a sé do bispado de Maeloc.