Sen teito

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

11 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Están sempre aí, aínda que normalmente non se lles ve e un non se acorda deles. Adoitan durmir debaixo das pontes ou nos pasadizos subterráneos. A xente procura evitalos porque non son unha vista agradable, rodeados de cartóns e mantas roñentas, e ademais cheiran mal, e -din- poden ser perigosos.

Nas noites máis frías do inverno, membros de asociacións benéficas saen a repartir mantas e comida ou bebida quente. E os sen fogar convértense en noticia e saen no telexornal. A tele métenos en casa a eses desgraciados aos que adoitamos evitar o resto do ano. Un deles mostrou na palma da súa man o que recollera pedindo esmola. E entón lembreime: Eu levaba présa e crucei polo pasadizo subterráneo cara á Biblioteca Nacional. Antes de chegar ata onde el estaba, tiven tempo de pensar que aquilo era obrigación do Concello, que eu daba diñeiro mensualmente a catro ong, que menos enviar avións con axuda ao estranxeiro e máis ocuparse dos pobres nacionais, e tamén pensei que levaba no peto as voltas dunha compra, un euro e pico, e non tería que pararme a sacar o moedeiro. Pero o euro dérallo a un mozo, limpiño, que tocaba o violín no metro, así que deixei caer na man do sen teito unhas miserables moedas.

Isto que lles conto pasou hai algúns anos, pero as cousas non melloraron para as persoas sen fogar. Na palma da man do que saíu estes días na tele había 16 céntimos de euro. Eu volvín sentir vergoña e impotencia.