Cadea perpetua

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñamos por caso unha estancia de vinte anos de cárcere, sete mil trescentos días iguais. Comer, como mínimo, vinte e unha mil novecentas veces con persoas coas que non compartirías nin o tempo de espera nunha parada do bus. O control absoluto e a vontade anulada, toda, mesmo a de matarte, porque a vida deixa de ser túa.

Un total de 7.300 días dentro dun cárcere, supoñendo ter gañado un terceiro grao dentro do proceso penal ao que calquera preso se atopa sometido. Pero, se es tan cruel que non abonda con pecharte durante sete mil trescentos días, a perspectiva seguinte son trinta anos: once mil días da vida do criminal. E ademais, outras tantas xornadas da vida de quen lle segue querendo. Tamén son trinta anos de cárcere para as nais que morrerán nese tempo, os amigos que deixarán de selo, os fillos que esquecerán. Vinte ou trinta anos nunha vida, en realidade, son unha eternidade, pero son o mesmo suspiro ca unha condena sen fin para unha vítima que nunca atopará consolación para a súa dor.

Logo está o eufemismo da chamada «prisión permanente revisábel», un intento da dereita populista por que creamos o que resulta incríbel: que pechar de por vida a alguén vai acabar co mal. Pero, noticias frescas! O mal persiste. E por moi vingativo que sexa un sistema penal, alentado pola dor en quente das vítimas das persoas malas, ese mal non vai deixar de existir. Sempre haberá alguén disposto a gozar coa dor allea, e vai estar aí os vindeiros vinte anos, os vindeiros trinta, e, seguramente, tamén na eternidade, por permanente e revisábel que sexa.

No fondo, desexar unha especie de morte en vida a un criminal non é máis ca unha versión sofisticada da antiquísima lei do Talión, que non só iguala a vítimas e criminais, senón que denota non crer de verdade no sentido de calquera sistema penal nun Estado de dereito: a posibilidade universal de redención. Basicamente, tamén, porque o di a Constitución, esa lei que parece ser palabra de Deus só para o que nos interesa.