A voltas con Woody Allen

OPINIÓN

02 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil falar de Woody Allen nun momento no que moitas estrelas de cine se converteron en xuíces inapelables e xa o condenaron. ¿Teñen razón ao facelo así? Non o sei, nin creo que o saiban eles. Coido que tratan, simplemente, de saír ben na<span lang="gl">v foto da xente impecable que fai o que sexa para situarse no lado máis favorecedor da realidade e obter así a estima xeral. Porque, de certo, moitos dos que o condenan non sei se saben do que falan, pero si que saben por que e para que o fan, é dicir, a imaxe que queren dar.

Dicía Jacinto Benavente que «cando non se pensa o que se di é cando se di o que se pensa». E, nesta liña, eu creo que agora hai demasiada xente pensando o que lle convén dicir para que moitos poidan estar dicindo o que de certo nin pensan. Así de simple e así de complicada está a liorta desatada arredor de Allen. E hai medo a ser criticado por facer algunha defensa ¡mesmo do seu cine! De maneira que hoxe Woody Allen vén ser unha especie de apestado ¡e pobre do que se lle ocorra defendelo!

Eu levo escrito abondo (tamén nestas páxinas) sobre as distintas películas de Allen, unhas mellores e outras peores, xaora. Pero agora o asunto xa non vai disto (é dicir, de se son boas ou malas). Agora a cuestión é se imos poder ver a nova película dun tipo coma el. Eu estou no bando dos que a queren ver, si ou si. E punto.

¿Estou defendendo á persoa Woody Allen? Non. Nin se trata diso. Se ten que defenderse, que busque avogados, e que logo os xuíces impartan xustiza. Nisto non teño dúbidas. Pero, por favor, que non me deixen sen ver as súas películas e que Amazon Studios non manteña inédita A Rainy Day in New York, a obra que Woody Allen acaba de terminar e que custou 25 millóns de euros. ¿Sóbranlle os cartos a Amazon -que xa sei que si- ou ten medo a ser castigada polos novos xusticeiros? Non o sei, pero sospeito que algúns só queren facer leña da árbore caída, para logo quentarse véndoa arder. E este camiño non me gusta. Por iso escribo estas liñas, non a favor do cineasta, senón a prol de cidadáns coma min. Porque, como ben dixo Paul Auster, «se a xustiza existe, ten que ser para todos, e ninguén pode quedar excluído; do contrario, xa non sería xustiza».