Ai, Mariano, Mariano. O problema catalán tenche a cabeza comida, está claro polo que se che escoita cando falas. Pero... hai máis mundo ca ese. De feito, está o mundo real, o das persoas, e dese é do que tedes -ou do que teriades- que vos preocupar os políticos e dirixentes que nos gobernan. Do mundo, do de todos, do de todas, dos problemas que nos afectan.
Cuestionaron ao presidente do Goberno español nunha entrevista radiofónica sobre a «brecha salarial» existente hoxe en día. Así é como o denominan agora para darlle un toque máis actualizado. Actualizar é algo que non interesa, conste, porque o que hai que facer con este problema da desigualdade é erradicalo, directamente. E o que resulta tolerable é obvialo. Non pode ser que diga «non nos metamos con iso agora».
Como non?
Hai que atallalo, non deixar que medre! É un grave problema no mundo.
Parece que non, pois vostedes os gobernantes deben ter moi claro cales son as competencias a resolver. E esta non semella unha delas. Seica non deben preocuparse de igualar salarios.
Ai... non?
Ou sexa, que un traballo vale máis ou menos en función de quen o desempeñe. Concretamente, en función do sexo da persoa que o realice.
Pois... perdoe que llo diga, señor presidente. Pero así non imos ben. Imos moi mal. Un dos obxectivos principais dun gobernante é que o seu país sexa apto para vivir e desenvolverse nel. Non cre? Que a xente non queira marchar. Que se sinta cómoda. E vostede cre que as mulleres estamos nesa situación? Que somos tratadas con igualdade? Non.
Falemos do plano laboral e dos demais. Metámonos no medio da cuestión, porque é o centro do furacán.
Temos moitos problemas e atrancos. E vostede debe preocuparse por eles e solucionalos.
Hai que atallar a brecha salarial e non deixar que medre! É un grave problema de todos e de todas no mundo actual