Lobishome

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

30 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O único caso de xuízo por licantropía clínica deuse en Galicia, en concreto nos xulgados de Allariz. O acusado era Manuel Blanco Romasanta, nacido na aldea de Regueira-Esgos-Ourense. Nun primeiro momento foi bautizado como Manuela porque seus pais pensaron que era unha nena, e así foi inscrito na súa partida de nacemento de 1809, aínda que oito anos máis tarde pasou a ser definitivamente Manuel, amosando un curioso caso de intersexualidade que se dá en raras ocasións. Con menos de 1,50 de estatura e trazos faciais tenros e doces segundo os investigadores do tema, a Blanco Romasanta atribuíanselle varios asasinatos de mulleres e nenos. Por estes feitos andou fuxido por diferentes lugares de Galicia e de España, sendo apresado en Nombela (Toledo). A súa condena foi a da pena máxima co garrote vil, conmutada posteriormente por cadea perpetua pola mesma raíña Isabel II. Dicíase del que era portador dunha maldición que seu pai lle botara, pola que se convertía en lobo, e debido a ela sentía o impulso de matar e comer a carne das súas vítimas. Na causa nº 1778 pola que se lle xulgaba en Allariz, el comentaba que a primeira vez que se convertera en lobo fora no monte de Couso, nun encontro con outros dous grandes lobos despois de entrar en convulsións. Noutro lugar do concello de Esgos (Ourense) o meu tío avó Albino falaba do lobo-fada como un animal de gran tamaño, de cor branca e coa virtude de se pór de pé coma un humano. Lembro o relato do seu encontro con el como algo traumático: «Guindou a máis grande ovella do rabaño sobre o seu lombo, despois encarouse a min e saltou rabuñándome a cara na súa fuxida». Previamente sentira a friaxe do aire do lobo.