A dureza de ser heroe

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Agardábame un veciño na porta. Saudámonos e axiña me fixo a petición: María, escríbelle un artigo a ese neno de seis anos, ese que salvou a súa nai o outro día. É un heroe.

Sorrín. Xa o pensara, certo, pero aínda non puxera nin unha soa letra no devandito texto. E debeu lerme a mente, porque insistiu: «Pensa na túa nena como eu penso no meu neto».

Entenderán que non fun capaz de negarme, nin á proeza do pequeno nin á petición do veciño feita na porta da miña casa. Así que aquí estou, cumprindo a miña promesa de escribir sobre a acción do rapaz que salvou a súa nai. E, queren saber unha cousa? Fágoo co corazón encollido. A palabra heroe aparece en todos os comentarios que acompañaron a noticia desde que sucedeu, precisamente na mesma cidade na que vivo. E si, claro que ese neno o é.

O pequeno chamou de madrugada ao teléfono do 092 pedindo axuda porque á súa mamá estábana golpeando. Deu o enderezo completo no que vivían sen soltar o teléfono. E alí chegaron aos poucos minutos os axentes da Policía Local. Entraron na vivenda, onde atoparon á muller e ao pequeno heroe, que estaba dándolle o biberón ao seu irmán pequeno despois de contemplar unha terrible agresión.

Pénsoo e abróllanme as bágoas de novo aos meus ollos. Aquel neno ten apenas seis anos. Seis. De que maneira tivo que madurar prematuramente ese pequeno para reaccionar así ante a agresión a súa nai? Porque aquel home que golpeaba a súa nai era a exparella desta... Que experiencias traumáticas compuxeron a vida dese pícaro para que actúe desa maneira e non dubide en chamar ao 092? Non é só chamar aos axentes da Policía Local da Coruña ante un perigo, é encargarse do coidado dun bebé de apenas uns meses de vida...

Os pequerrechos, como poden ser a miña nena ou o neto do meu veciño, teñen que preocuparse de xogar, de sorrir, de rir e estourar en gargalladas, non ser responsables da familia.

Pobre pequeno heroe ao que lle tocou vivir esta amarga experiencia.