Hórreos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

23 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os hórreos son unhas das construcións máis populares da arquitectura tradicional galega. O censo dos que hai en Galicia excede con moito os 10.000, pese a ir decrecendo pola súa deterioración e o seu derrubamento. Na Península atopámolos espallados por boa parte do territorio galego e tamén en Asturias, norte de Portugal e, dun xeito máis raro, en León, Cantabria e Euskadi. Os hórreos galegos son fundamentalmente celeiros e adoitan estar situados moi preto das casas, aínda que tamén hai interesantes agrupacións comunais, como as de Combarro (Poio) ou A Merca (Ourense), por poñer algún exemplo. A súa tipoloxía é moi variada: de planta redonda, cadrada, rectangular (os máis comúns) e incluso, aínda que raramente, algunhas formas distintas. Outro xeito de clasificalos é polo tipo de material co que están feitos: os de vexetais, que son os máis primitivos e teñen varios nomes como cabazos ou cabaceiros, os de madeira, os de pedra e os mixtos. Dentro destas clasificacións poden ser denominados por comarcas: tipo Fisterra, tipo Ribadeo, tipo Salnés... A máis antiga representación gráfica dun hórreo na Península aparece nas Cantigas de Santa María, do rei Alfonso X o Sabio, no século XIII, onde se poden ver uns hórreos rectangulares da tipoloxía galega máis común; porén, a primeira descrición dun hórreo na Península xa a fixeran os romanos, en concreto Marco Terencio Varrón no seu tratado De re rustica (‘Das cousas do campo’). Os hórreos en Galicia son un elemento importante do noso patrimonio e, agora que van perdendo a súa funcionalidade tradicional, sería bo que tivesen unha protección maior para evitar que a súa deterioración por falta de uso e mantemento produza unha desfeita que, sen dúbida, lamentariamos.