A privacidade

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vaia lea! E todo comeza, parece ser, na biblioteca dun centro de estudos. Paradoxos da vida... Non creo que ninguén esquecese aínda o caso da manada. Pois ben, está claro que non foi suficientemente criminalizado. Agora corremos o risco de que isto se converta nun estilo de acoso, de violencia. Un grupo de rapaces de Albacete fixouse nunha moza que tiñan preto. E comezaron a programar un acto semellante ao que cometeran os xa coñecidos como «manada», ou sexa, unha violación en grupo. Comezaron a obter información das súas contas das redes sociais, e prever o resultado do seu ataque, baseándose en ideas que sacaban das fotografías que ela colgara. 

E definíano así, «marcarse unha manada» con ela. Tiñan o seu obxectivo claro: ela. E a finalidade: a agresión sexual. Así de frío. Así de terrorífico.

Non sei como, ela chegou a saber desa conversa. Preguntou se era delito publicala e, despois das consultas, a conversa dese grupo de WhatsApp, saíu á luz.

Ohhhh! Pobriños eles! Que falta de respecto facer pública unha conversa privada! Unha conversa, ollo!, que programaba unha violación cara a unha vítima concreta.

E os pobres, como non, son eles. Que agora quedan marcados. E ela? A posible vítima da agresión sexual, que? Malvada e perversa, por querer protexerse. Por favor! De verdade que temos que comezar a ordenar con xeito as ideas na nosa cabeciña. Pensemos cal é o problema, e centremos a nosa forza nel. Non é a exposición dunha conversa de WA, é a agresión ás mulleres. Interioríceno.