A metáfora do tren

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

21 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1982, os Nacionalistes d'Esquerra cataláns intentaron organizar un tren das nacións que trasladaría, de Barcelona a Estrasburgo, a unha delegación de grupos nacionalistas que reivindicaban o exercicio do dereito de autodeterminación. Ante a oposición das autoridades de entón, xa democráticas, os Nacionalistes d’Esquerra déronse por satisfeitos pola sona obtida por un acto que chamaron de «relacións exteriores», e decidiron entregarlle a petición, sen necesidade de coller ningún tren, «á única autoridade catalá que nós recoñecemos: o Presidente da Generalitat». Pese ao tempo transcorrido desde aquelas, a querencia nacionalista pola metáfora ferroviaria permanece inalterable: ao rebufo do independentismo catalán, son moitas as ocasións nas que os nacionalistas galegos nos teñen advertido de que «Galicia corre o risco de de quedar atrás, baixarse do tren das nacións e situarnos no vagón das rexións». 

Aínda que atractivo, o uso metafórico dos modernos medios de transporte para reflectir a idea de progreso (fronte ao aparente inmovilismo da vagoneta) resulta arriscado, como no fondo sempre o é o uso da metáfora. Pode ser preciso, como cando o outro día no Congreso Solbes recoñecía, falando da crise económica, que colleu un tren que aceleraba; que contribuíu a aceleralo aínda mais; e que se quedou sen vía cando se decatou de que o que había que facer era frear. Pero a metáfora pode tamén estar exposta ao chamado efecto búmerang; ese efecto que ás veces se ilustra co suposto diálogo entre o persoal de vó e o campeón mundial de boxeo: «Sr. Alí, debe vostede abrocharse o cinto de seguridade»; «Non o preciso: eu son Superman»; «Se vostede fose Superman tampouco precisaría do avión». Outras veces, a metáfora falla simplemente porque o sentido figurado co que se emprega non reflicte ben o que se quere evocar. Como exemplifica o continuado uso da expresión «choque de trens» entre os soberanistas e o Estado, cando, como afortunadamente estamos a comprobar, estamos ante outro tren que descarrila, neste caso por apartarse do carreiro constitucional.

Un cré que para que unha metáfora ferroviaria funcione axeitadamente habería que aclarar, polo menos, o destino do tren que se quere tomar. Cicais sexa porque a un lle marcou a lectura adolescente do Sr. Presidente e lembra o maxistral exemplo no que Miguel Ángel Asturias lle da uso funcional á «jitanjáfora» coa que describe a viaxe en tren do caído en desgraza Cara de Ángel: «la sensación confusa de ir en el tren, de no ir en el tren, de irse quedando atrás en el tren, cada vez más atrás del tren, más atrás del tren, más atrás del tren, cada vez más atrás, cada vez más atrás, más y más cada vez, cada ver cada vez, cada ver cada vez, cada ver cada vez, cada ver, cada ver, cada ver, cada ver...» . E sen chegar e tales extremos, cando un sabe o destino se evita sorpresas, como a que e levaron eses catro pobres polisóns que embarcaron en Bilbao camiño de Southampton e remataron en Ribadeo.

Tras dous anos de procés, e tras ler en La Voz os resultados da enquisa do Instituto Elcano, segundo a que nos dous últimos anos os españois que desexan un modelo centralista pasaron do 9% ao 21%, de ter que usar unha metáfora ferroviaria coa que expresar o que a Galicia lle convén proporía recorrir a Andrés do Barro. E quedar no tren que nos leva pola veira do Miño, que nos leva e nos leva polo noso camiño, que pasiño a pasiño vainos levando cara o noso destiño. Con ela, e en plena Dictadura, unha canción en galego chegou por primeira vez ao número un das listas. Por algo sería.