Spanish Camp

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña lectura nada tiña que ver coa inmigración española nos EUA de principios do século XX, pero deixei os dous libros sobre educación e vocación que tiña que ler esta semana para buscar información sobre un campamento de naturistas españois que se instalou nunha praia de Staten Island (ao sur de Manhattan) no ano 1929: o Spanish Camp.

Dende que comecei a miña vida na costa leste dos EUA fun descubrindo, a cachos, a fascinante historia dos inmigrantes galegos que foron chegando a Newark e Nova York entre finais do século dezanove e mediados do século vinte. O proxecto Spanish Inmigrants in the US, que leva como apelido a frase Ni frailes ni conquistadores, dedícase a recuperar moitas destas historias baixo a dirección do profesor da universidade de Nova York James D. Fernández e o periodista asturiano Luís Argeo. A miña curiosidade por saber qué inmigrantes españois foran os que decidiran crear unha comuna naturista (e, segundo algunhas fontes, un refuxio socialista) nos anos vinte levoume a descubrir que o campamento foi demolido no ano 2001, despois dunha triste batalla co promotor inmobiliario que mercou os terreos en 1997 e que rematou na ruína...

Era un libro de Parker J. Palmer, o cuáquero activista do cambio social a través da educación, o que me levou a ler sobre a vida da periodista, anarquista cristiá, activista e pacifista Dorothy Day. Curiosamente, foron os seguidores de Day os que tentaron salvar o Spanish Camp, xa que nos anos 70 ela mercara un par de bungalós á Sociedad Natura Hispana para utilizalos para o retiro e a meditación. A sociedade era a propietaria da terra, e os individuos os donos das cabanas… Hoxe o Spanish Camp é un terreo abandonado.