A costa de xaneiro

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

17 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Andamos tan xustos de ingresos que este ano a costa de xaneiro pasou desapercibida. Salvo as subidas de luz, peaxe (tamén é mala sorte que comecemos o ano cun desastre nas estradas xusto cando nos soben o importe para pasar por elas...) e pouco máis, non se falou moito da costa de primeiros de ano. Pero pasa coma coas meigas, que habela, haina. Vaia se a hai!

Se cadra, por iso me parece aínda máis salientable que alguén atope un bolso cheo de cartos (pero cheo, eh!), un teléfono que custa máis dun soldo mensual e... o devolva, en pleno mes de xaneiro, ao seu verdadeiro propietario sen dubidar.

Foi xusto o que aconteceu nunha rúa da Coruña, onde un grupo de traballadores se decataron de que moitos vehículos andaban a sortear un vulto. Cando o semáforo se puxo en vermello puideron observar que se trataba dun bolso, que recolleron de inmediato, sen saber que dentro había unha gran cantidade de cartos en billetes e un dispositivo telefónico que valía unha fortuna.

Sen dubidalo, chamaron á policía, sen sequera preocuparse en contar a cantidade que tiñan entre mans. Ata eles chegou unha moza desesperada. Amosáronlle o bolso e recoñeceuno como propio. Levaba présa, quería recuperalo xa. Pero, con moi bo criterio, os que deran con el preferiron agardar a chegada dos policías para facer a entrega de xeito correcto e sen cometer erros.

Á fin e ao cabo, o importante era que o final fose feliz e, por asegurarse e agardar uns minutos, non perdían moito. Tampouco gañaron, pois a costa de xaneiro para eles permaneceu igual.