Volve a moda do fungo milagroso para todo

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

17 ene 2018 . Actualizado a las 00:29 h.

Cada certo tempo póñense de moda produtos cualificados de marabillosos ou de «súper alimentos» de procedencia exótica: as bagas de goji do Himalaia, a quinoa, o allo negro, as sementes de chía, a alga espirulina… Produtos que, segundo din algúns, alongan a vida, aumentan a enerxía de quen os consome e tamén a súa forza, borran as engurras, reducen de xeito considerable o colesterol, fan perder algo de peso, melloran a función sexual, resolven o insomnio, ademais de seren unha grande axuda contra o cancro, os problemas circulatorios e toda clase de males; ou sexa que, se fose certo todo iso, serían a panacea universal ou bálsamo de Fierabrás, que don Quixote coñece e proba con relativo éxito.

Así que a cousa vén de lonxe. Na miña infancia, o produto marabilloso chamábase «El hongo», sen máis. Unhas amigas de miña avoa tíñano e convidaban as súas amizades a unha copiña da auga que soltaba. Mantíñano a temperatura ambiente sobre un aparador, nunha xerra de cristal , flotando coma unha medusa marrón nunha auga amarelada, cuberto cun tapete de encaixe. Era algo repugnante.

Hai uns anos falouse moito do fungo Dictyophora, que tiña forma de falo, e cuxo cheiro, dicían, producía orgasmos nas mulleres, pero non chegou a comercializarse como afrodisíaco. O produto milagroso actual é outro fungo, o Reishi, de orixe chinesa. Anúnciase como o fungo da eterna mocidade e véndese en herboristerías, parafarmacias e tendas de produtos dietéticos en po e comprimidos. Xulgando polas fotos, eu xuraría que é o mesmo da miña infancia, que, sen xerra e sen tapete de gancho, mellorou moito. Nihil novum sub sole. Nada novo baixo o sol.