Ledicia da memoria

Luís G. Tosar
Luís González Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

15 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se trata, non, dun libro de grandes dimensiós. As medidas da recente achega da Editorial Galaxia, que nos ofrece por xunto a sección que Carlos Casares mantivo, desde 1975 ata 1992, de xeito descontinuo, no suplemento Artes y Letras de La Voz de Galicia, A ledicia de ler, son, exactamente, 130 por 210 centímetros. As propias para non estragar un prego de papel. Pero a tripa -vulgo, páxinas- acada nada menos que 820. Enferrei con bo ánimo a lectura desta necesaria compilación. E agradézolles o seu traballo (como debe ser) ós encargados da recolleita, Denís Vicente, Gustavo Adolfo Garrido e Miguel Valverde, á introdutora do volume, Dolores Vilavedra, e ós que, de por parte, se ocuparon da edición, Xosé Manuel Soutullo e Leandro García Bugarín. Moito do meu interese, se se me permite, era de índole persoal. Empecei a tratar a Casares nos seus comezos como colaborador de La Voz de Galicia. Estreitamos amizade nos 80, partillando unha década na que case que nos viamos a diario: ben en Vigo, en Galaxia, xantando xuntos -il devecía pola paella do autoservizo de El Corte Inglés-, tomando café no Goya, ben polas tardes-noites en Nigrán, na súa casa de Vilariño. Tiven así a oportunidade, moitas veces, de estar diante -a Carlos non lle importaba- mentres escribía a Ledicia. Agora, volver sobre a meirande parte destes textos, que daquela seguín neste xornal ou que lle escoitei -il gostaba de ler, con pausado entusiasmo, o que acababa de pór por escrito-, váleme para tirar do fío de lembranzas medio esquecidas. Benvida sexa A ledicia de ler, que nunca pasou inadvertida, tanto para amigos coma para detractores, e que por iso deixou marca. Cumpría a comezos do pasado 2017, no que pouco se falou da obra de Carlos Casares. Lector e crítico nada condescendente, dos que non parabenizan ós catro ventos, razoaba o seu criterio respectando os límites. Nesta colectánea resulta evidente o seu tratamento da poesía, botando por terra a malévola insidia dun escaso interese pola lírica. E en canto á retesía con X.L. Méndez Ferrín, a quen cita en corenta e tres ocasiós, a quen recoñece «gran talento de escritor», é a mellor proba de non ser sectario. Boa lección, por certo.