Tabarnia

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

siro lopez

13 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como o meu subconsciente vai un paso diante de min, no mesmo intre en que oín por primeira vez a palabra Tabarnia chegoume á mente unha imaxe dos irmáns Marx, sorrindo de orella a orella. Despois, cando souben que Tabarnia é o proxecto dunha nova comunidade autónoma, formada por dez comarcas costeiras de Barcelona e Tarragona que se opoñen ao independentismo catalán, recordei a película Sopa de ganso na que Groucho é presidente de Freedonia e o seu enfrontamento coa veciña Sylvania, país agresor e ditatorial. Tras breve reflexión foime doado relacionar Freedonia con Cataluña, Sylvania con España, Puigdemont con Groucho Marx, o embaixador Trentino de Sylvania con Rajoy e o candoroso e sufrido personaxe interpretado por Margaret Dumont coa Generalitat. Todo cadra, mesmo a creación e o protagonismo crecente de Tabarnia e do seu portavoz oficial Jaume Vives -Harpo na película-, porque, por incrible que pareza, Sopa de ganso é unha alegoría do procés.

Inés Arrimadas, declarou: «Lo de Tabarnia es una ocurrencia que pone al independentismo ante el espejo de sus propias contradicciones». Así é. Unha das escenas máis divertidas de Sopa de ganso» é a do espello roto, na que Harpo, con camisón e gorro de durmir, como Groucho, responde con movementos idénticos a todas as tolerías que a este se lle van ocorrendo. O mesmiño que Jaume Vives ante os argumentos de Puigdemont. Un par de exemplos:

Puigdemont recorda: «Democracia é dereito a decidir. A unidade de España non pode impoñerse nos xulgados». Vives asente: «A unidade de Cataluña tampouco. Tabarnia quere ser libre». Puigdemont acusa: «España róubanos. Pagamos en impostos máis do que recibimos». E Vives: «Como Cataluña a Tabarnia, de cada 100 euros que Tabarnia paga á Generalitat, 21 non volven a ela».

O que empezou como unha brincadeira vai tomando corpo social e os tabarneses opoñen ao himno Els segadors o que titulan Els Unidors, e á señera catalá outra bandeira distinta pero coas mesmas cores. O independentismo está que bufa e non me estraña. Os motores da economía catalá son as comarcas de Barcelona e Tarragona que conforman Tabarnia e, aínda que ninguén confía no proxecto e todos pensan que se esfarelará co paso do tempo, a idea está ben pensada e Jaume Vives é un deses católicos convencidos de que a fe move montañas e fronteiras. Artur Mas imaxinaba unha Cataluña como a Dinamarca do Mediterráneo. Que poida selo Tabarnia quizais non sexa unha simple gansada.