Prohibir o móbil

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

11 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para educar ben hoxe no uso das novas tecnoloxías, non queda máis remedio que ir contra corrente, nunha sociedade gregaria, consumista e manipulada polos medios de comunicación. E son absoluta minoría as familias que o fan, pois ao final acaba sendo máis cómodo deixarse levar, para non seren as raras, as que queren facerse orixinais. Os pais teñen que estar moi ben formados e ter criterios claros e coherentes, para resistir esa presión.

Aos 10 anos, un de cada tres nenos ten teléfono móbil e aos 14, un 94 %. Nun principio preténdese ter localizados aos fillos, pero como estes non asumen que os seus compañeiros teñan o mellor aparello, acábaselles mercando un smartphone ou móbil intelixente co que poden acceder a Internet, usar WhatsApp e correo electrónico, entrar nas redes sociais, practicar videoxogos... Ao non haber ningún tipo de control, os rapaces pasan cada día horas e horas intercambiando mensaxes, xogando ou navegando pola Rede, dun xeito cada vez máis obsesivo, que vai en menoscabo da convivencia, do ocio e mesmo do descanso. Non queda tempo para falar e escoitar, nin tampouco para xogar e facer exercicio físico.

E coma sempre, cando a educación familiar falla, o problema trasládase ao ámbito escolar, onde, no caso dos móbiles, pode afectar tanto ao rendemento como á convivencia. O abuso desta tecnoloxía reduce as capacidades de atención e de reflexión, con consecuencias moi negativas para o afondamento na lectura e no traballo intelectual. Por outra parte, as linguaxes preferentes son a icónica ou audiovisual, en detrimento da textual, cun código de comunicación rápido e de sintaxe abreviada. É este o futuro da comunicación na escola? De momento non se fala de beneficios pedagóxicos.

Canto á convivencia, o uso dos móbiles está a ocasionar moitos problemas nos centros educativos, simplemente pola mala educación no seu uso. Algúns exemplos son a absoluta preferencia para atendelos, constantes interrupcións, utilización ilegal da Rede ou mingua da autoridade dos mestres. Son razóns que levaron á Xunta, no ano 2015, a prohibilos nos períodos lectivos, deixando a criterio dos centros a súa utilización con fins pedagóxicos. Agora Francia vén de dar un paso máis, vetándoos en todo o horario, medida que estudan outros países europeos.

Pero a solución non é prohibir, senón educar. O móbil pode ser un medio (non un fin) moi útil na consulta e no estudo, sempre que se saiba aproveitar con este obxectivo e se faga nos tempos de clase ou de estudo persoal. Para conseguilo, é necesario que o Goberno teña un plan serio de formación para docentes e de uso na aula. E como non nos cansaremos de repetir, é imprescindible conseguir a coordinación coa familia, para que se controle o uso das tecnoloxías nos primeiros anos, co fin de evitar hábitos moi difíciles de corrixir despois.