Prisciliano, cristián libre

OPINIÓN

06 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A publicación en portugués do libro Prisciliano, um cristão livre, de Victorino Pérez Prieto, permítenos coñecer non só o eco que este personaxe deixou na cultura galaico-portuguesa, senón tamén o debate actualizado que houbo sobre el a través dos séculos e que aínda segue hoxe en día. Porque Prisciliano, que viviu no século IV e foi bispo na provincia romana da Galécia -que incluía Galicia e o norte de Portugal-, foi xulgado e acusado de herexe polo emperador romano Máximo e executado en Tréveris (Alemaña), a que sería a cidade natal de Karl Marx.

O traballo de Pérez Prieto ten o enorme valor intelectual de percorrer todas as vías de acceso ao noso personaxe, facendo unha suma histórica que chega ata hoxe, e na que imos vendo o recoñecemento e o debate que acompañou a súa figura, sobre todo nos séculos XIX e XX, pero tamén desde o propio século IV no que finou.

Neste sentido, o libro é unha busca exhaustiva e apaixonada arredor da figura de Prisciliano, para tratar de cotexar e conciliar os resultados das distintas reflexións intelectuais que o tiveron no centro. Nesta listaxe están as achegas de Otero Pedrayo, Castelao, Portela Valladares, Cotarelo Valledor, Ramón Chao Rego ou Roberto Vidal Bolaño, e, en Portugal, as de Teixeira de Pascoaes, Sampaio Bruno ou João Aguiar.

Ao cabo, como ten dito o profesor Dino Pacio Lindín (da Universidade do Estado de Nova York), o priscilianismo foi a verdadeira e máis estendida relixión dos labregos galegos (que constituían daquela case a totalidade da poboación de Galicia). Por iso, e quizais por manter unha posición distante ou rebelde, Prisciliano foi declarado herexe e executado pola conxunción romana Igrexa-Imperio. Neste sentido, o libro de Victorino Pérez Prieto ten o valor de esculcar todas as posicións e sucedidos, para dexergar o que había detrás dos feitos máis visibles e dramáticos. Porque certamente o eco de Prisciliano e o priscilianismo na cultura galaico-portuguesa segue a ser forte, e demanda novas indagacións que dean continuidade ao moi atinado esforzo de Victorino Pérez Prieto, quen, coa súa obra, abre e agranda un camiño de novas demandas.