E ao final foi el

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

03 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron moitos quen levaron a culpa: os xitanos. O pantalón curto e o escote provocadores. A nai, esa mala nai. O pai algo tamén. As compañías. A idade. A rebeldía. O carácter. E... esas horas, un día de festa, pola rúa... deixando ver as longas pernas... Unha nena consentida, con cartos que tamén levaron a culpa, pois estragan á xente e xa non hai nin educación, nin principios, nin nada. E así pasaron os días, moitos, centos... nos que a opinión pública se descentraba en tantos aspectos.

Mentres, ela, Diana, berraba en silencio desde un pozo que alguén a atopase, que desen co culpable, que o perigo estaba aí para todas. Porque, ao final, foi el. Nin os xitanos, nin o pantalón, nin a idade, nin as compañías, nin o escote, nin os pais... Foi el quen a matou, un depravado sexual. E por que? Porque só por ser muller podía pertencerlle se o desexaba.

Así é José Enrique Abuín, un reincidente destes casos. Matouna porque considera que as mulleres son obxectos a utilizar ao seu antollo. El, pai dunha menor. Que tipo de persoa é? Un perigo, un terror.

E a xente xulgando se a nai saíu tomar un bocadillo e un refresco a un bar. Claro, porque a nai, por ser muller tamén, ha morrer de inanición se desaparece unha filla. Aí estabamos crucificándoa... Como se fixo coa forma de ser de Diana. Ela, que se quixo resistir e morreu no intento. E se non se resiste... que diriamos dela? Faremos coma no caso da Manada? Poñeriamos en dúbida que quixera violala? Temos moito que educar, si, na sociedade.