Das dereitas en Cataluña

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Levo tres meses mergullado na chamada «cuestión catalá», tanto que poucas veces na miña vida lle dediquei tanta atención e tantas horas a un acontecer político hispano. Asomeime, por conseguinte, a informes, artigos, debates, declaracións, polémicas, entrevistas e canta opinión oral ou escrita abordaba a cuestión, moi lonxe do seu final. Estou convencido de que non cheguei a miles de páxinas suscitadas polo tema, pero teño a impresión de que as lidas ou oídas por min permiten extraer algunhas conclusións.

Unha delas é moi significativa: voces moi rechamantes -do independentismo e do autonomismo- non falaron -ou falaron moi pouco e moi baixiño- dunha característica do partido case máis votado, Junts per Catalunya: a da corrupción. Repárese no feito, primordial, de que esta formación continúa e herda a vella Convergència, o partido de Jordi Pujol e dos seus aplicados fillos, quizais a familia máis corrupta de Europa. Así pois, vai liderar a vida política catalá un partido de dereitas cunha biografía de corruptelas que, hai moi poucos anos, moitos nin sospeitaban. Fede que alcatrea en Dinamarca, país moi citado por algúns independentistas.

Tamén estou convencido de que moitos independentistas de dereitas, abafados por tanto fedor, tiveron problemas á hora de votaren, pois, non sendo de esquerdas, un partido como Esquerra Republicana de Catalunya é, para ese independentismo de dereitas, un partido moi esquerdista. Pensaron algúns expertos na «cuestión catalá» na cantidade de votos que recibiría a vella Convergència se chegase ao 21 de decembro sen o lastre de Jordi Pujol, sen a lousa de tanta corrupción acumulada?

Para min é evidente que a señora Arrimadas sería o segundo partido destes comicios, non o primeiro. Teimo na idea: hai máis independentismo na dereita que os votos recolleitos por Junts per Catalunya. O que acontece é que esta formación política, moi escasa de autocrítica, camiña por Cataluña adiante cunha lousa patética ao lombo: a de Jordi Pujol.

Para min tamén está claro que o independentismo ten que ser afrontado como unha realidade, non como un problema. Dous millóns de votos, nun espazo democrático, non son un problema, son unha realidade que pode ser matizada ou encarreirada con criterios políticos en Cataluña e desde España, desde unha España mellor. A min o que me preocupa na sociedade é o dominio, a prepotencia da dereita. Díxoo moi ben, en 1931, con terminoloxía da época, no seu ensaio Los separatismos, Santiago Montero Díaz, brillante pluma marxista daquela: «Sería doloroso ver las clases obreras catalanas entregadas al arbitrio de las minorías capitalistas. Antes de pensar en separatismos… conviene reflexionar qué garantías han de exigirse para seguridad y bienestar de las clases proletarias».