A vida na AP-9

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei a crer que a vida era a AP9. Pásanos moito ás viguesas que nacemos en Santiago. A AP9 e as Cíes son o horizonte. Vigo e os seus trescentos mil habitantes, rodeada de mar e de autoestrada. Namorámonos na AP9, recibimos malas e boas novas na AP9, discutimos na AP9, facemos política na AP9, aprendemos a mudar cueiros no maleteiro na AP9, ideamos argumentos de novela nos longos tramos da AP9. E sobre todo, eu dou corda ao instinto agresivo só na AP9 de cada vez que as obras me obrigan a ir por un carril a 70km/h coma se fose por unha simple estrada comarcal, cada vez que os baches me estragan os pneumáticos, cada vez que a chuvia (supoño eu) inutiliza as telepeaxes e levo a barreira por diante, cada vez que o firme en mal estado me conduce ao vibratto ao cantar mentres conduzo (sempre canto), e sobre todo, cada vez que nos suben as peaxes para que a vida na AP9 se pareza un pouco máis ao desastre de vivir neste país desartellado e miserábel que nos fai depender desta usura en forma de estrada. Entón, é cando todo o amor, a inspiración, a memoria e a música que vivín na AP9 se me reconcentran e me saen en forma de inspiración punk. Un gran movemento colectivo, un Nunca Máis contra as peaxes en forma de ruptura. Un Non Pago Máis. Unha toma da autoestrada que xa temos pagada e xa é nosa pero que nos secuestrou Audasa con moita axuda gobernamental. Un secuestro dos arcéns. Pintar de negro as peaxes. E non namorarnos máis na AP9, non cantar máis na AP9, non educar máis aos nosos fillos na AP9, non pensar máis argumentos na AP9. E sobre todo: a eses que lle regalan a Audasa o asfalto que é máis noso ca o chapapote do Prestige, non darlles nin auga.