Palabras vivas

Xesús Fraga
Xesús Fraga LUZ DE CRUCE

OPINIÓN

18 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte rematou o prazo para presentar candidatas a Palabra do Ano 2017. A xulgar polas proclamadas anteriormente nesta iniciativa do Portal das Palabras, a elixida sintetizaría o espírito do seu tempo, quizais tomando un referente máis global -corrupción e refuxiado, nos 2014 e 2015, respectivamente- ou a partir dunha ollada máis próxima ao propio: irmandade, o ano pasado. Porén, hai outra lista, máis cotiá, que tamén ofrece un retrato cumprido da lingua e dos seus falantes: son as palabras máis buscadas nas procuras na versión dixital do Dicionario da Real Academia Galega, e que a institución enumera por semana e mes.

Son usuario frecuente -e agradecido- deste dicionario e confeso a miña debilidade pola lista na que, como a bolsa, as palabras soben e baixan en función da demanda. Entre consulta e consulta, a vista váiseme á columna con este top 10 e rexistro mentalmente unha popularidade que me leva a preguntarme polas súas causas. Algunhas obedecen a factores pasaxeiros -foi o caso de afouteza, como agora é o de sapoconcho- e outras obedecen a dúbidas relacionadas cos acentos diacríticos, como son as procuras de pola, presa ou bola. Non faltan, en fin, as brincadeiras fascinadas co sexo, que fan dos variados substantivos orgánicos unha presenza constante.

Son, en todo caso, mostras do carácter democrático da lingua, construída entre o enxeño individual e a consolidación colectiva. Son, tamén, mostras de que as palabras están vivas: circulan, esvaécense, volven agromar de xeito inesperado. Outras desaparecen por sempre e deixan sitio a outras novas. Porén, esa vitalidade non é infusa, senón que abrolla dos propios falantes: sen eles non hai lingua, é certo, pero tamén depende deles o mantela con vida ou que esmoreza ata desaparecer.

Se, como Álvaro Cunqueiro e tantas veces se repetiu, o mapa de Fontán é o rostro do país, as palabras son os seus músculos, os que fan posible que se exprese, que esa faciana sexa recoñecible a través dos seus trazos singulares. Algunhas, vedrañas, son coma os sucos e as engurras que marcan o paso do tempo; outras son fonte de xuventude e renovación. Pero todas son así porque comparten o latexo da vida.