Non atoparás aquí a intención afiada dos Resentidos. Tampouco o delirante instinto do absurdo de Siniestro nin a densidade existencial impregnada de asfalto dos Suaves. Mais, á súa maneira, hai algo de todos eles neste segundo disco de Heredeiros da Crus. ¡Está que te cajas! empoleira os de Ribeira alén do Xabarín, endurece o seu son, escandaliza a parroquia e abre o melón. Cristo cos colectivos feministas no Cruceiro, a un paso de Santiago. Ladrillaso nos morros en Caranza. Incursións en Londres e Nova York... Heredeiros confían un puñado de bos temas á produción de Segundo Grandío, que malla o asunto. De paso, convencen a Rosendo para que deixe a súa pegada en Frenaso no calsonsillo. Impagable escoitar o de Carabanchel voceando en rigorosa fala da ría aquilo de «non olvides nunca xamais de cambiar o calsonsillo antes de ir a traballar». Perfectamente normalizados, ademais, porque esta xente pensa, respira, dorme e refrégase con unto vivo en galego. Foron os máis jrandes cando un aínda pensaba que podiamos ser jrandes. Sen forzar nada, porque todo estaba aí, entre a batea e o bar. Había que atreverse e darlle gas.