Falenas de abade

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

No segundo volume das memorias La novela de un literato, Rafael Cansinos Assens destaca tres galegos, todos tres ourensaos: Xavier Bóveda, Eugenio Montes e Antonio Rey Soto. Deste último -ó que sempre cualifican como sacerdote, escritor e bibliófilo- conta Cansinos que o atopou, unha madrugada madrileña do verao de 1920, trousando polas esquinas, por mor da chea que collera de tinto do Ribeiro. Eran tempos de bohemia e faladoiros, nos que il participaba vestindo os hábitos, coma Basilio Álvarez, amigo e compañeiro seu. Xornadas enteiras de moito beber e pouco comer, trasnoitando e laiándose, no seu caso, do abafo de vivir en Ourense. Desexaba marchar para América, Nova York, La Habana, Buenos Aires… Velaí o soño feito realidade cando embarca cara a Cuba para triunfar como director artístico de Celta Film. Levou consigo un filme mudo, Viaje a través de Galicia y Asturias, que il comentaría de viva voz. Fracasa como empresario cinematográfico, pero retoma a escrita. De Cuba pasa a Guatemala, onde exerce de párroco e de profesor de literatura na Universidade. Un destacado autor guatemalteco, Rafael Arévalo Martínez, retrátao así: «Rey Soto, ese hombre que parece un caballo y al que le encantan el buen café y el tabaco fuerte, dos de sus debilidades. Deudor del café por los placenteros momentos de cuerpo y espíritu, considera el tabaco como promotor de sus alifafes; pero fuma igual». Regresa en 1931 e reside entre Madrid e Ourense, onde será capelán privado de Angelita Varela, marquesa de la Atalaya Bermeja, condesa del Valle de Oselle, señora de Themes: en realidade, Ángela Santamarina Alducín, filla do lendario e adiñeirado emigrante ourensao Ramón Santamarina. A marquesa que sufragou a magnífica biblioteca do seu confesor e que agasallou a Vicente Risco coas obras de Madame Blavatski, ocultista e teósofa rusa. Tamén unha dos que puxeron prezo á cabeza de Benigno Álvarez, o veterinario comunista macedao. Falenas, bolboretas nocturnas foi o primeiro libro de Rey Soto, amigo de Castelao. Nado no pazo de Ramirás, Sistís, Arrabaldo (1879), o abade poeta que tan ben sabía facer o amor, falecida Angelita, entrou no convento mercedario de Poio. Morreu en Madrid (1966). E a súa soada biblioteca? Viñérona buscar a Ourense os frades, vestidos de faena. Contábao José Luis López Cid, seica.