Sorprende a cantidade de reclamacións que se fan por cousas consideradas pequenos erros escusables. Pero o certo é que fan ben. Unha decátase de certas cousas cando as sofre na propia carne. Imaxinen unha viaxe composta de dúas escalas de avión, é dicir, tres pasaxes. Se a primeira se torce, por causas alleas ao pasaxeiro... parécelles xusto que queden nun limbo incerto durante horas sen saber que día chegarán a destino? Porque... alá foron os demais enlaces. Problemas pode habelos, por suposto, pero hai que ser responsables dos mesmos. E de poder facelo con elegancia, mellor aínda.
Tras o atraso do primeiro voo, non cren que debera estar agardando pola pasaxe un responsable da compañía aérea para dar explicacións e indicacións do procedemento a seguir? Quedarían todos máis tranquilos ca abandonados ante as cintas de equipaxe, agardando a ver se saen as maletas ou continúan camiño da facturación. Se ademais fan agardar tres horas ante o mostrador ata que se achegue alguén que xestione o seguinte voo, no que ninguén sabe se poderán subir... Caos e desorganización. Son os propios prexudicados os que teñen que enfrontarse os uns aos outros para manter a orde, as quendas, as prioridades, os tempos de espera... Convértense en ruminantes de posibles reclamacións e demandas. É o xusto. Pero en moitas ocasións chegamos tan cansos, con tantas ganas de ver á familia, agradecidos porque finalmente chegamos a destino... que poida que se nos esqueza. É por iso que ás veces non reclamamos... mais non é xusto.