Recoñecer á vítima 

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jesus Diges | Efe

04 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fiscalía decidiu abrir os ollos, e abrírnolos. Con moi bo criterio, preferiu esquecerse de detectives privados que fixeran análise da conduta dunha rapaza violada nos días posteriores á vexación. Porque... xa era o que nos faltaba.

Non só foi violada, é que os agresores pretendían que se comportase coma se fose unha muller indigna. Agardaban que se agochase, nunha cova, como se cometera unha falta e tivera que purgala... Non, peor aínda, que se esfarele, que pague por iso...

Pero a onde imos chegar? Deberiamos paralo moito antes xa, non permitir que eses informes sobre a vítima se realizasen. Estou convencida de que ningún dos que a criticaban eran conscientes do que resulta sufrir unha violación, tampouco terían ganas de poñerse na pel da vítima... De aí as barrabasadas que se dixeron.

É case imposible superalo. Hai que ser moi forte e valente para sacar a cabeza fóra, pescozo incluído, despois de sufrir tal ofensa. E ela intentouno. Quixo ser forte e non afundirse. Quixo continuar cunha vida que aínda está agromando, quixo volver ser feliz, aínda que nada volva ser coma antes, aínda que o medo, a inseguridade, a intranquilidade... lle rolden a cabeza e o corazón continuamente.

E iso, señores, hai a quen non lle gusta. Non gustan as mulleres libres e independentes, nin as valentes. Porque daquela no poderán violalas. Aínda habían protestar, pero a Fiscalía botou un cabo. Recoñece que foi violada de forma conxunta e coordinada. E iso vale algo así coma 23 anos de cárcere. Grazas.